Deputación de Ourense INICIATIVAS

Esiximos a Baltar a duplicación dos fondos de cooperación cos concellos

O PSDEG-PSOE RECLAMA Á DEPUTACIÓN DE OURENSE A DUPLICACIÓN DOS FONDOS QUE DESTINA A COOPERACIÓN COS CONCELLOS CO FIN DE REFORZAR AS MEDIDAS ANTE A COVID-19

A iniciativa tamén demanda unha rebaixa “nun 25 % do pago do servizo de recollida do lixo, estendéndose esta axuda tamén aos municipios que non teñen delegado este servizo na institución”

Villarino asegura que “é tempo de cooperar e a Deputación ten que ser exemplar” e reclama un reparto destes fondos de “xeito obxectivo” e non cos “criterios clientelares de sempre”

Ourense, 14 de maio de 2020. O PSdeG-PSOE reclama á Deputación de Ourense a duplicación dos fondos que destina a cooperación cos concellos da provincia, co fin de reforzar as medidas das entidades locais para facer fronte á pandemia mundial causada polo virus SARS-CoV-2. Nunha moción que se debaterá no pleno de maio, os socialistas demandan que, como mínimo, se “dupliquen os importes destinados a cooperación coas entidades locais incluídos nos plans provinciais da institución, delegando nos concellos a potestade para decidir o obxecto do gasto e para tramitar directamente a súa execución”.

A iniciativa tamén reclama que a distribución dos fondos se execute “mediante un sistema baseado en criterios obxectivos e equitativos” e que “poidan ter como obxecto outros fins derivados das novas necesidades sociais, económicas ou de seguridade xurdidas, directa ou indirectamente, a causa da epidemia”. Así mesmo tamén demandan unha rebaixa “nun 25 % o pago do servizo de recollida do lixo, estendéndose esta axuda tamén aos municipios que non teñen delegado este servizo na institución”.

O voceiro do grupo socialista, Rafa Villarino, asegura que a pandemia “esixe hoxe máis que nunca que as administracións públicas cooperen” para “saír canto antes desta crise sen deixar a ninguén atrás”. “Esiximos á Deputación que cumpra coa súa obriga de axuda ós concellos e, polo menos, duplique os 4 millóns que destina a cooperación municipal” de “xeito obxectivo” e non cos “criterios clientelares de sempre”, explica. Villarino tamén destaca en que é fundamental dotar aos concellos ourensáns de “maior autonomía” na xestión destes cartos, dándolle “liberdade ós concellos para que elixan a forma de contratación e o destino máis aló das obras”. “É tempo de cooperar e a Deputación ten que ser exemplar”, insiste.  

Os socialistas defenden que “é perentorio que as institucións máis próximas á veciñanza reciban osíxeno financieiro para afrontar necesidades xurdidas nas últimas semanas como a desinfección regular; limpeza extra nos centros educativos; material para a protección dos traballadores e traballadoras; ou a necesidade de artellar novas axudas sociais”. “A meirande parte das entidades locais carecen dos recursos extraordinarios precisos para facer fronte a estas inesperadas obrigas”, recordan, polo que cren “preciso que a Deputación auxilie ós concellos” mediante estas achegas extraordinarias que deben ser “dilixentes e áxiles”.

“Reclamamos que o reparto se faga xeito obxectivo e non cos criterios clientelares de sempre”

Rafa Villarino

Tamén indican que “é relevante dotar ós concellos ourensáns dunha maior capacidade de decisión no destino destes cartos, posto que este é un dos piares da autonomía das entidades locais recollido na Constitución Española” polo que piden que poidan “regular e xestionar directamente” os cartos e o seu destino. Estes fondos, insisten, deben ser distribuídos de xeito “equitativo” en base a “criterios obxectivos e previamente publicitados, co fin de que todos os concellos teñan as mesmas oportunidades na súa consecución”.