O PSdeG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA AS “CONTRADICIÓNS” ENTRE O GOBERNO MUNICIPAL E A DEPUTACIÓN SOBRE O FUTURO INMEDIATO DO SECTOR TERMAL
Mentres a concelleira de termalismo rexeita abrir as instalación termais polos “posibles riscos que presentan para o contaxio do COVID-19”, Xunta e Deputación están a “vender” as instalacións termais de Ourense como “destino turístico seguro”
Os socialistas solicitan o informe no que se conclúe que os “recintos termais deberían tardar en abrir” e, sobre todo, que “se garanta a seguridade dos usuarios mediante información clara e transparente sobre o seu uso”
Ourense, 14 de maio de 2020. Os socialistas de Ourense solicitan transparencia, e un plan de recuperación e dinamización seguro para a saúde das instalacións termais da cidade, despois das contradicións da concelleira de termalismo na pasada xunta de área. Na devandita xunta, que se celebrou o pasado martes 12 de maio, a concelleira -Flora Moure- resaltou aos diferentes grupos políticos que é posible, segundo algún estudo, que as augas naturais non tratadas sexan as que maior risco presenten ante a pandemia que estamos a sufrir, e por este motivo “rexeita abrir as instalacións termais” da cidade, que levan precintadas e baleiras dende o comezo do estado de alarma. Ante tal argumentación, o grupo socialista solicita o “informe ou estudo que avala as manifestacións da concelleira”.

Moure explicou que non “falamos de auga de piscinas, nin son un balneario como tal, ao non ser tratadas”, e pasou a “pelota” á Xunta de Galicia, afirmando que “hoxe coa pandemia crese que as augas salgadas como a do mar poden matar o virus, e as augas frías tamén”, pero crese que “as augas quentes non tratadas poden producir un efecto inverso e propagar ou aumentar o virus”. Con todas esas premisas, a concelleira cre que as piscinas e fontes termais non se abrirán.
O grupo municipal socialista amosa a súa sorpresa, e pon de manifesto as “contradicións entre o goberno municipal e o goberno provincial na xestión do turismo termal”, dado que trala realización destas declaracións pola concelleira popular, onte, o Presidente da Deputación, José Manuel Baltar, presentaba unha campaña baixo o lema “Ourense destino seguro”, cuxa promoción subliñaba que “Ourense es una provincia perfecta para eso y con un valor añadido que no tienen otros territorios: nuestras aguas termales y nuestros balnearios», destacando a concesión de distintivos aos diferentes establecementos que cumpran a normativa. Unhas manifestacións ás que se sumaba a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, ao dicir que «Confiamos na nosa potencialidade como destino termal”.
Dende o seo do grupo socialista, reclámase que se fagan públicos, e que se acheguen aos grupos, “os informes dos que fala Flora Moure”, polos que, segundo asegura, pode concluírse que os establecementos termais deberían “tardar en abrir”. Así mesmo, solicitan que “se garanta a seguridade dos usuarios das instalacións termais, e que se transmita información clara e transparente sobre o seu uso”, unha medida que os socialistas a levan demandando dende o inicio do mandato e que nestes momentos a consideran de “vital importancia”. Finalmente, os socialistas engaden que as ocorrencias no sector termal tamén deben rematar respecto do antigo cárcere da cidade. Non é serio, subliñan, que dentro do goberno municipal para uns sexa balneario, para outros sede da UNED, e para os que quedan “vaia Vostede a saber que”.