INICIATIVAS Política social

A secretaría provincial de emigración prosegue a labor de asesoramento ó colectivo de retornados

A SECRETARÍA PROVINCIAL DE EMIGRACIÓN DO PSDEG DE OURENSE RECIBE PETICIÓNS DE INFORMACIÓN DO COLECTIVO RETORNADOS DE ALEMAÑA PARA A CAMPAÑA DA DECLARACIÓN 2019

Nas consultas está a informarse da obrigatoriedade de declarar á Facenda española se os ingresos procedentes da pensión alemá, ou da pensión alemá e española, exceden os 14.000 euros anuais

Luís Gulín critica que “a promesa de Antonio Miranda, Secretario Xeral de Emigración de axudar ós retornados de Alemaña foi un dos moitos bulos e promesas incumpridas do goberno de Feijóo”

Ourense, 28 de maio de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da secretaria provincial de emigración recibe peticións de información, mesmo fóra de Galicia, do colectivo de retornados de Alemaña para a campaña da declaración da renda 2019. Os socialistas levan moitos meses facendo labores de asesoramento, reuníndose coas autoridades competentes no país xermánico e facilitando toda a documentación necesaria para que os retornados poidan solucionar as súas inquedanzas. Dende o partido do puño e da rosa botan de menos a axuda da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta, desaparecida en combate nos últimos anos.

Dende o PSdeG-PSOE e a través da secretaría provincial de emigración expresaron lamentan que a Secretaría Xeral de emigración “non preste este servizo de asesoramento e información nas respectivas oficinas de atención ao emigrante por falta de colaboración coas autoridades alemás as cales sempre manifestaron a súa vontade de cooperar”, explica o secretario provincial de emigración dos socialistas ourensáns Luís Gulín, que critica que “a promesa de Antonio Miranda, Secretario Xeral de Emigración en axudar vía Consellería de Facenda aos retornados de Alemaña foi un dos moitos bulos e promesas incumpridas do goberno de Feijoo”.

A secretaria provincial de emigración vén atendendo multitudes de consultas de emigrantes retornados de Alemaña. As peticións esténdense mesmo máis aló de Galicia, recibindo chamadas e correos electrónicos de Castela e León, Andalucía e Murcia. Tamén desde Alemaña contactouse con Luís Gulín, secretario provincial de emigración, ante a preocupación de moitos alí residentes pola situación fiscal dos seus familiares, dado que non recibiron ningunha información da obrigatoriedade de presentar un certificado de ingresos da pensión alemá, a condición de que non se cobre ao mesmo tempo outra pensión española.

Nas consultas está a informarse da obrigatoriedade de declarar á Facenda española se os ingresos procedentes da pensión alemá, ou da pensión alemá e española, exceden os 14.000 euros anuais. No caso que se cobre única e exclusivamente pensión alemá é imprescindible solicitar un certificado a Deutsche Rentenversicherung vía correo electrónico para certificar o que realmente cobran de pensión coas respectivos deducións por asistencia sanitaria  e seguro de dependencia. Luís Gulin constatou que por parte de Alemaña as solicitudes son tramitadas con certa rapidez e nun espazo de 6 a 10 días os certificados están en poder dos interesados.

Tamén se informou desde a Secretaria Provincial de Emigración ao colectivo de retornados de Alemaña que a partir do 1 de xullo as súas pensións subirán un 3,45 por cento.