GOBERNO ESTATAL Política social

Feijóo e Jácome bloquean axudas ós autonómos galegos afectados pola COVID-19

MÁIS DE 10.000 AUTÓNOMOS DE OURENSE COBRAN HOXE OUTRA VEZ A PRESTACIÓN EXTRAORDINARIA IMPULSADA POLO GOBERNO CENTRAL A CAUSA DA COVID-19 FRONTE Á PARALISE DE PP E DO NA XUNTA, CONCELLOS E DEPUTACIÓNS

Os socialistas destacan a “extraordinaria responsabilidade” do executivo de Sánchez cos afectados “fronte aos 0 euros pagados por Jácome, Baltar e Feijóo que só gastaron en propaganda e enchufes”

Ata o pago desta nova mensualidade —xa son tres— foron recoñecidas na provincia de Ourense un total 10.099 prestacións, o 97,06 % das 10.405 solicitadas, cun importe medio de 750 euros ao mes

Ourense, 29 de maio de 2020. Os socialistas de Ourense destacan a “extraordinaria responsabilidade” e a “inaudita eficacia” do executivo presidido por Pedro Sánchez, que hoxe vén de abonar novamente outra mensualidade da prestación extraordinaria a máis de 10.000 autónomos e autónomas da provincia, “fronte aos 0 euros pagados por Jácome, Baltar e Feijóo que só gastaron millóns en propaganda e enchufes”. Concretamente, xase recoñeceron en Ourense un total 10.099 prestacións extraordinarias aos autonómos ourensáns , o 97,06 % das 10.405 solicitadas, cun importe medio de 750 euros ao mes. En toda Galicia son xa 84.665 prestacións aprobadas e abonadas polo Goberno central.

“O Goberno está a protexer a máis do 42 % dos autónomos de Ourense cunha prestación extraordinaria que se abona todos o meses e que nunca antes ningún goberno puxera en marcha a pesares das fondas crises que vivimos anteriormente”, destacan desde o PSdeG-PSOE antes de salientar a “máxima axilidade” coa que “aprobou, tramitou e pagou estas axudas fundamentais para que moitas familias e persoas poidan manterse durante a emerxencia sanitaria”.

«En toda Galicia son xa 84.665 prestacións aprobadas e abonadas polo Goberno central fronte aos 0 euros pagados pola Xunta ou por concellos como o gobernado por Jácome»

O PSdeG-PSOE ourensán salienta que “todas as persoas que presentan unha solicitude que cumpre os requisitos recibe inmediatamente esta axuda do Goberno central, a diferenza doutras ideas e anuncios baleiros da Deputación, Xunta ou Concello de Ourense, onde existe un tope orzamentario que deixará fóra a moita xente e que, a pesar dos anuncios propagandísticos, aínda non foron pagadas por parte destas administracións”. “É unha vergonza que PP e DO estean centrados unicamente en botarse flores para tratar de tapar a súa inoperancia e desleixo coas persoas máis afectadas pola crise da COVID-19”, insisten.

Os socialistas tamén destacan que a Tesourería Xeral da Seguridade Social da provincia xa devolveu a parte correspondente das cotas de marzo e abril ás persoas que tiñan concedida a prestación e nas próximas semanas procederase á devolución das cotizacións mensuais daqueles a quen se lles recoñeceu posteriormente.

“É unha vergonza que PP e DO estean centrados unicamente en botarse flores para tratar de tapar a súa inoperancia e desleixo coas persoas máis afectadas pola crise da COVID-19”

A esta prestación extraordinaria ten acceso calquera traballador ou traballadora por conta propia afectado polo peche debido á declaración do estado de alarma ou cuxa facturación caia un 75% respecto á media mensual do semestre anterior. No caso dalgúns colectivos como o réxime agrario, do mar ou da cultura e o espectáculo, o período de cálculo adáptase ás súas peculiaridades. O importe da axuda é o equivalente ó 70 % da base reguladora. Na actualidade, o Goberno está a tramitar a viabilidade dos cambios lexislativos necesarios para estender a súa vixencia ao igual que se fixo cos ERTE.