Denuncias SENADO

O senador Juan Carlos Francisco querélase contra o PP de Ourense por difundir «infamias e falsidades»

O SENADOR SOCIALISTA JUAN CARLOS FRANCISCO QUERELARASE CONTRA O PP POR DIFAMACIÓN: “PENSA O LADRÓN QUE TODOS SON DA SÚA CONDICIÓN”

Rivera vén de anunciar unha querela por difamación contra o PP de Ourense por verter “infamias e falsidades” sobre un suposto vínculo cunha empresa madeireira na que non ten ningunha responsabilidade

“O PP ten moito que explicar”, incidiu Juan Carlos Francisco, e lamentou que Feijóo siga sendo “cómplice da saga máis tóxica da política ourensana”

Ourense, 30 de maio de 2020. O senador socialista Juan Carlos Francisco Rivera vén de anunciar unha querela por difamación contra o PP de Ourense por verter “infamias e falsidades” sobre un suposto vínculo cunha empresa madeireira na que non ten ningunha responsabilidade.

“Pensa o ladrón que todos son da súa condición”, manifestou o senador do PSdeG, ante as acusacións do PP sobre unha suposta concesión irregular a unha empresa da que non é non foi “nin administrador único, nin socio, nin accionista”, como di o PP nun comunicado no que tamén sostén que xa non é membro da Cámara baixa.

“Non dan unha”, sentenciou, ao tempo que explicou que esa concesión realizouse en 2006, antes da súa incorporación á vida política, a unha empresa á que el representou como avogado. “Se non saben acudir ao Rexistro, cunha sinxela busca en internet descubrirán quen é o propietario”, concluíu.

En todo caso, cuestionou que esta sexa “a torpe resposta” do PP á publicación de que Baltar adxudicou durante o estado de alarma 26 contratos menores non esenciais fundamentalmente en concellos gobernados polo PP e “ás mesmas cinco empresas de sempre, vinculadas tamén ao PP”.

“O PP ten moito que explicar”, incidiu Juan Carlos Francisco, e lamentou que Feijóo siga sendo “cómplice da saga máis tóxica da política ourensana”, que agora dá “un novo salto” na súa “política de enchufismo” ao cambiar as ordenanzas para designar directamente aos membros dos tribunais de selección de persoal da Deputación.