Eleccións Galicia 2020 SERVIZOS PÚBLICOS

Caballero anuncia en Verín un novo goberno na Xunta coa sanidade como bandeira

Caballero cualificou a loita da veciñanza da comarca como un “símbolo da resistencia social fronte aos recortes de Feijóo” e ao modelo do PP centrado en “esgotar e facer agónica á sanidade pública”

Tamén esixiu a Feijóo explicacións ante protocolo da Xunta difundido hoxe polos medios, no que se acredita que a Xunta lle negou o traslado a centros específicos creados en Santiago e Baños de Moldas, aos maiores dependentes

Verín, 5 de xuño de 2020. Un goberno progresista na Xunta de Galicia a partir do 12 de xullo coa sanidade pública como bandeira. Iso é o que anunciou hoxe o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en Verín, ante o hospital que Núñez Feijóo quixo desmantelar co peche do paridoiro e o indiscriminado abandono das mulleres e pequenos de todo o sur da provincia de Ourense.

Durante unha visita á vila na que tamén estiveron o alcalde, Gerardo Seoane; os candidatos Marina Ortega, Juan Carlos Francisco e Carmen Rodríguez Dacosta, e responsables públicos e orgánicos dos socialistas galegos, Caballero subliñou que a sanidade pública será “a bandeira de referencia do goberno progresista que saia das próximas eleccións autonómicas do 12X”.

Caballero cualificou a loita da veciñanza da comarca como un “símbolo da resistencia social fronte aos recortes de Feijóo” e ao modelo do PP centrado en “esgotar e facer agónica á sanidade pública”, ante o que os socialistas “defendemos unha atención sanitaria máis necesaria ca nunca” logo da crise da COVID-19. E por iso apostou por “reconstruír e rearmar á sanidade pública fronte aos desgastes, recortes e privatizacións do PP”.

O secretario xeral comprometeu que un goberno progresista na Xunta dará “estabilidade” aos profesionais sanitarios, eliminará “os riscos da descapitalización da sanidade co PP” e apostará pola Atención Primaria, polo mantemento de servizos nos hospitais comarcais. Ademais, engadiu, deseñará un Plan de Saúde Mental.

Caballero lembrou que durante os último 11 anos os conservadores “recortaron máis de 1.000 profesionais sanitarios, 2.000 millóns de euros de investimento na sanidade pública e 1.000 camas hospitalarias”, ademais de “precarizar” as condicións de emprego e pechar servizos nos hospitais comarcais. Así mesmo puxo ao goberno de Pérez Touriño como exemplo de xestión sanitaria, que converteu o Hospital de Verín, daquela unha fundación hospitalaria, nun centro público grazas ao compromiso dun goberno progresista.

Tamén esixiu a Feijóo explicacións ante protocolo da Xunta difundido hoxe polos medios, no que se acredita que a Xunta lle negou o traslado a centros específicos creados en Santiago e Baños de Moldas, aos maiores aloxados en residencias en situación de dependencia severa e grande dependencia afectados polo virus SARS-CoV-2, xa que se trata dunha situación “da máxima gravidade” que obriga a unha explicación inmediata.