Concello de Ourense INICIATIVAS

Valoramos positivamente a resolución das emendas socialistas ao Regulamento de Transporte

O NOVO REGULAMENTO DE TRANSPORTE COLECTIVO DE VIAXEIROS RECOLLERÁ EN “BOA MEDIDA” AS MÁIS DE “DEZ EMENDAS” PRESENTADAS POLO PSDEG-PSOE DE OURENSE HAI XA 6 MESES

Grazas ao traballo dos socialistas, Ourense contará cun transporte urbano con “paradas antiacoso”, poderase levar bicicletas ou patinetes eléctricos sen pagar suplemento, e o servizo será “petfriendly”

Os socialistas critican, pola contra, que no regulamento de Infancia e Adolescencia non se teña en conta medidas como a “equidade entre nenos e nenas” e a “representación de tódolos grupos” na mesa de traballo


Ourense, 09 de xuño de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense valora “positivamente” a resolución das emendas do regulamento de transporte. O regulamento de transporte colectivo de viaxeiros será aprobado no pleno do Concello do vindeiro 18 de xuño recollendo “dez das dezaoito emendas” presentadas polo Grupo Municipal Socialista, sendo o grupo que máis emendas presentou. Ésta será a primeira vez que a terceira cidade de Galicia conte cun regulamento de transporte público- do que ata o de agora carecía mantendo o servizo dos autobuses urbanos en precario e cunha fllota de vehículos máis que desfasada- e do que se recolle a súa necesidade na Lei de Bases de Réxime Local para as cidades de máis de 50.000 habitantes.


Grazas ao traballo dos socialistas, Ourense contará no futuro transporte urbano
obrigatoriamente con “paradas antiacoso”, poderase levar “bicicletas ou patinetes eléctricos sen pagar suplemento”, as liñas serán “petfriendly” polo que as mascotas tamén poderán viaxar cumprindo as medidas de seguridade nos vehículos, e realizarase unha “avaliación anual de accesibilidade” xunto cos colectivos sociais da cidade favorecendo a participación cidadá, entre outras medidas propostas.


Pola contra, os socialistas botan en falla a incorporación no novo regulamento de “medidas a prol da sostibilidade medioambiental” e tamén de “fomento do emprego feminino”.
Os representantes do PSdeG-PSOE valoran positivamente o traballo realizado pero esixen ao goberno municipal que se “contemplen no futuro prego de contratación do novo servizo de transporte urbano de Ourense outras propostas ou iniciativas que quedaron fóra deste regulamento”, por termaior encaixe de cara á futura licitación:

  • A adhesión á Plataforma Europea “Women In Transport” para o fomento da empregabilidade das mulleres neste sector, no que están nunha clara desvantaxe social.
  • O fomento do transporte verde garantindo que o 25% da flota de autobuses sexa híbrido ou eléctrico ao inicio da nova concesión, para paulatinamente ir incorporando novos vehículos e acadar nun período de 10 anos unha flota de cero emisións na cidade.
    Entre as emendas aceptadas a proposta do Grupo Municipal Socialista tamén están as seguintes, referentes a tarifas e dereitos dos usuarios :
  • “Que as tarifas e as distintas modalidades de billetes e títulos de transporte poderán ser modificados polo Concello de Ourense para atender ás necesidades dos usuarios e estableceranse na correspondente ordenanza”.
  • “Solicitar e obter a bordo dos autobuses, nas oficinas da empresa e nos centros de atención ao público proposto por esta, o libro ou follas de reclamacións, nos que podrán formular calquera reclamación sobre a prestación do servizo”.
  • “Utilizar e recibir información en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia”.
  • Falta de equidade e de representación dos grupos políticos no Regulamento de Infancia e Adolescencia
    Outro regulamento que será aprobado no vindeiro pleno é o de Infancia e Adolescencia, o cal levaba aparcado nun caixón dende o pasado mandato municipal co Partido Popular ao fronte.
    Neste senso, os socialistas amosan o seu rexeitamento ante que o grupo de goberno non contemple engadir medidas como a “representación equitativa dos nenos e nenas” e o “acceso igualitario” aos programas. Así como, a negativa a que na mesa de traballo se inclúa a “participación de tódolos grupos políticos”.