Denuncias Deputación de Ourense

Baltar, denunciado por usar a Deputación para difundir propaganda electoral

O PSDEG-PSOE DENUNCIA A BALTAR POR USAR A DEPUTACIÓN DE OURENSE COMO SE FORA UN ANEXO DA SEDE DO PP PARA DIFUNDIR PROPAGANDA ELECTORAL

A web e as redes sociais institucionais da Deputación publican mensaxes atacando ao PSOE logo de “ser pillados outra vez coas mans amasando irregularidades polas que o PP xa foi condenado”

Os socialistas salientan que a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral e a xurisprudencia prohiben estas prácticas “vergoñentas” que “prexudican claramente á democracia e ás institucións públicas”

Ourense, 11 de xuño de 2020. O PSdeG-PSOE vén de denunciar a Manuel Baltar ante a xunta electoral polo “uso partidista e propagandístico” da páxina web e das redes sociais oficiais da Deputación de Ourense, logo de que o goberno bipartito de PP e DO estea a empregar estes espazos institucionais para facer campaña electoral e difundir falsedades. Concretamente, o goberno provincial publicou o día 10 de xuño na web http://www.depourense.es, unha extensa nota titulada “O PSOE de Ourense, en contra dos autónomos”, tanto na portada principal como nunha entrada propia, que “pouco ten que ver co carácter institucional que deben ter estes espazos informativos”. Así mesmo, as contas oficiais en redes sociais difundiron publicacións coa mesma mensaxe.

Os socialistas salientan que a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral e a xurisprudencia existente prohiben expresamente estas prácticas “vergoñentas” que “prexudican claramente á democracia e ás institucións públicas”. “Están a empregar a Deputación de Ourense como se fora un anexo da sede do PP para difundir propaganda electoral polo temor a unha nova desfeita electoral”, advirten antes de recordar que “volveron ser pillados coas mans amasando irregularidades polas que o PP xa foi condenado nos tribunais”. Ante estes feitos piden a intervención da autoridade electoral xudicial e demandan a Baltar que “cese no seu empeño de manchar as institucións co único fin de ser o campión mundial do caciquismo en todas as eleccións, ultimamente con maior intensidade que nunca logo de ver como lle tremeu a cadeira que herdou do seu pai tras perder máis de 30.000 votos na provincia desde que é presidente”.

O PSdeG-PSOE recorda que “estas prácticas ilegais prexudican a imaxe das institucións públicas”, polo que reclaman á xunta electoral as accións legais oportunas. Tamén instan ao goberno provincial bipartito a que se retracte publicamente por uns feitos que incumpren o propio código ético da Deputación ourensá. Así mesmo esixen que os conservadores de PP e DO “baixen dunha vez por todas do carro da propaganda institucional burda e deixen de apropiarse dos medios públicos para os fins partidistas”.