Concello de Ourense MEDIO AMBIENTE

Solicitamos ao Concello de Ourense que aposte pola mobilidade sostible

O PSDEG-PSOE DE OURENSE SOLICITA AO CONCELLO QUE APOSTE POR UN NOVO MODELO DE MOBILIDADE URBANA PARA A CIDADE E CONVOQUE A MESA DE SEGUIMENTO DO PMUS

Dende o grupo municipal socialista teñen coñecemento das diferenzas entre Jácome e o concelleiro de Infraestruturas, Miguel Caride, na implantación do PMUS presentado en novembro de 2019

Os socialistas piden a PP e DO que convoquen a comisión técnica de seguimento do novo PMUS, co fin de planificar conxuntamente unha batería de medidas para a futura mobilidade da cidade

Ourense, 14 de Xuño de 2020. O grupo municipal socialista pon de manifesto a inacción do goberno municipal para a implantación do novo PMUS, presentado polo concelleiro de Infraestrutuas, Miguel Caride, e o alcalde o pasado mes de novembro de 2019 e do que nun ano de goberno non se leva feito nada máis que a toma de decisións arbitrarias para cortar ao tráfico rodado diferentes rúas da cidade- como Concordia e o Parque de San Lázaro. Unhas medidas que os socialistas teñen o coñecemento de que pasan pola disensión entre o alcalde e o concelleiro para a súa toma de decisións.

Dende o PSdeG-PSOE ofrécense, unha vez máis, a “colaborar e traballar” para acadalo e pedimos que o goberno da cidade esté dunha vez por todas á altura das circunstancias, despois de meses sen convocar a comisión de seguimento do PMUS, “tomando decisións aleatorias e non consensuadas” que afectan á mobilidade urbana e “enganando á cidadanía con grandilocuentes proxectos” que dificilmente verán a luz.

Esta crise sanitaria está a ofrecer a todos os concellos unha “oportunidade para reorientar os seus modelos urbanos e melloralos” tomando decisións que fomenten a “mobilidade sostible” a través do uso do “transporte público ou da bicicleta”, aseguran os socialistas.

Os socialistas consideran que, estamos nun “momento clave”, como é a desescalada para apostar pola incorporación da mobilidade sostible, tal e como están facendo no resto de Concellos galegos como Vigo ou A Coruña. Un momento que debe pasar por buscar “novas alternativas para a utilización do espazo urbano e tamén de novas formas de mobilidade” que garantan a preservación da “distancia social” e a mellora dos desprazamentos da poboación no noso entorno urbano.

Dende finais do ano pasado, o Concello de Ourense conta cun novo Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), e segue pendente de convocarse a súa comisión de seguimento por parte do goberno municipal, a pesar de ser solicitada en varias ocasiones polos membros do grupo municipal socialista na área de infraestruturas. Dadas as circunstancias, e considerando que vai ser esencial para Ourense reformar as políticas de mobilidade e desenvolvemento urbano nesta oportunidade que se nos presenta, instamos a PP e DO á súa “convocatoria urxente”, co fin de elaborar propostas conxuntamente para poder prever e poñer en marcha durante e despois da crise.

Dende o seo socialista aseguran que “xorde unha gran oportunidade” para favorecer “peatonalizacións” en diversas zonas da cidade de xeito ordeado, ou crear “corredores peonís e ciclistas por barrios” ante a insuficiencia de ancho das beirarrúas que impide gardar a distancia social necesaria en moitos casos.

O propio goberno de España, nas súas recomendacións para os municipios, fai unha serie de recomendacións para o fomento do uso da bicicleta xa que pode constituir unha alternativa limpia que axude a descongestionar o transporte público e facilitar a distancia de de seguridade interpersoal. Mentres as medidas tomadas polo alcalde, limitáronse a eliminación do seu uso na senda ciclable de Outaríz.

Cidades como Lugo xa puxeron en marcha unha campaña para o uso da bicicleta para futuro, e Vigo peatonalizou xa ata unha trintena de rúas, a lo menos en domingos e festivos entre as 10 e 20 h. sen descartar amplialo aos sábados tamén. A intención é, no caso de Vigo, multiplicar o espazo para os cidadáns e así poder manter a distancia social necesaria.

En definitiva, estamos nun momento clave para adoptar decisións co maior consenso político e coa máxima valentía, para poder avanzar dunha vez por todas no tan ansiado proxecto de mobilidade para Ourense.