Reflexións

«O caciquismo de Baltar toca fondo coa trama das subvencións a autónomos», por Rafa Villarino

Rafa Villarino é secretario provincial do PSdeG-PSOE e voceiro dos socialistas no Concello e na Deputación de Ourense.


COA TRAMA DAS AXUDAS A AUTÓNOMOS A POLÍTICA CACIQUIL DO BALTARISMO TOCA FONDO

Unha vez máis, o PSdeG-PSOE saca á luz pública as prácticas caciquís que expolian os recursos públicos en Ourense, facéndoo, neste caso, para aproveitarse das necesidades dos autónomos.

En concreto, denunciamos que o pasado 11 de maio, cando aínda non se sabía a data na que ían a publicarse as axudas da Deputación de Ourense para autónomos e pemes, o alcalde de Ribadavia e a alcaldesa de Boborás avisaban, nos Facebooks oficiais dos seus concellos, que sairían publicadas no BOP, ao día seguinte, ofrecendo, ademais, aos servizos públicos dos seus municipios para informar sobre elas e tramitalas.

Este xeito de usar información privilexiada praceulle ao senador popular Miguel Ángel Viso, como quedou testemuñado co seu “me gusta” no “post” de Facebook do alcalde de Ribadavia. E non foi o único representante do PP ao que lle compraceu esta política de adiantarlle aos seus unha subvención pública que se concede por orde de presentación; é dicir, que a reciben os autónomos que a presentan primeiro.

Así, o vicepresidente primeiro da deputación, Rosendo Fernández, e o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez, tamén deixaron pegada da súa conformidade co recurso á información privilexiada mediante os seus “me gusta” na publicación do Facebook persoal de Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra, que tamén anticipou o 11 de maio a convocatoria de axudas para autónomos e pemes no BOP do día seguinte. Na acción desta rexedora hai dúas diferencias respecto aos de Ribadavia e Boborás: usou o seu Facebook persoal en troques do institucional, e, ademais, etiquetou ao propio Manuel Baltar neste “avance” do que ía a pasar, de xeito que este é coñecedor e consentidor da estratexia.

Un trazo común dos tres “adiantos” das axudas foi o uso, difícil de xustificar, das carátulas oficiais da Deputación coas que se publicitarían as axudas ao día seguinte, e que difundirían urbi et orbe outros moitos alcaldes do PP de Ourense. Neste último caso, cumpriuse, alomenos, a condición de dar a coñecer as subvencións na mesma data, ou en días posteriores, á publicación no BOP.

Un efecto inesperado deste modus operandi foi que moitos dos “avisados” presentaron a súa solicitude de axuda o mesmo día 12, cando o BOP establece que só podería facerse a partires do día seguinte á publicación das mesmas, quedando, polo tanto, fora de prazo.

Coñécese que tanto “urxiron” aos autónomos “amigos” coa venta do favor, e tan mal o fixeron, que se esqueceron de “informarlles” que todo trámite administrativo ten os seus prazos, e que a subvención debía solicitarse aténdose a estos e non antes dos mesmos (tampouco podería ser despois, como é evidente). O certo é que ás 8:00 horas do mesmo día de publicación no BOP xa se rexistraran 28 solicitudes de axudas, que eran 54 antes das 10:00 e 107 antes das 11:00.

Non parece moi doado que os solicitantes das axudas dispuxeran, ás 8:00 da mañá (ou mesmo ás 11:00), de toda a documentación que se requiría para solicitalas no anuncio do BOP publicado ese mesmo día. En concreto, dito anuncio indicaba que xunto ao formulario normalizado de solicitude das axudas debería presentarse a seguinte documentación:

  • Un documento RLC (Relación de liquidación de cotizacións) correspondente ao mes de marzo de 2020 ou, se é o caso, un documento TC1 do mesmo período.
  • Unha copia do modelo 390 presentado ante a Axencia Estatal Tributaria, no que se recolla o resumo anual da facturación por IVE correspondente ao exercicio 2019.
  • Unha copia do libro rexistro de facturas emitidas polo solicitante no período do 14 de marzo ao 30 de abril de 2020.
  • Un certificado de titularidade da conta corrente onde desexa que se realice o ingreso da subvención, expedido pola correspondente entidade de crédito.
  • No suposto no que o solicitante sexa unha persoa xurídica ou unha entidade sen personalidade xurídica, deberá achegarse unha copia da escritura de constitución da persoa xurídica, debidamente actualizada e inscrita no rexistro oficial correspondente, ou ben unha copia do contrato ou título constitutivo da sociedade civil, comunidade de bens ou entidade sen personalidade xurídica de que se trate.
  • Unha copia do poder de representación do interesado, no caso de que a solicitude se formule a través de representante.

Está é a parte “visible” da trama de información privilexiada, que circulou tamén pola vía menos “pública” dos whatsapp e das chamadas telefónicas sempre co mesmo obxectivo: primar aos amigos, practicar o clientelismo.

Ao “despiste” dos prazos hai que engadirlle dúas meteduras de pata adicionais. A primeira delas é un grave erro institucional. No mesmo día da publicación das axudas no BOP, a propia web da Deputación informaba que as subvencións para autónomos podían solicitarse o propio día 12 de maio, o cal, ademáis de ser un erro de bulto, deu lugar a que botaran lume as xestorías da provincia para acopiar toda a documentación requerida para presentar, canto antes, as solicitudes dos seus clientes. O resultado delo foi que o rexistro provincial recibiu un total de 683 peticións ao cabo do día 12. Todas fora de prazo, pois, segundo a convocatoria do BOP, o prazo de presentación comenzaba o 13 de maio.

E o segundo erro de tamaño XXL foi que, a pesares de toda esta cadea de favores e equivocacións, a Deputación, nun exercicio de “desmadre” administrativo sen precedentes, pagou as solicitudes do día 12; é dicir, fixo efectivo o pagamento de subvencións presentadas fora de prazo.

É máis, corren rumores de autónomos que cobraron dúas veces a mesma axuda, o cal podería deberse a que ao darse conta -ou ao seren advertidos- do erro na data de presentación do día 12, rexistraran outra solicitude posterior, séndolles pagadas ambas. De ser certo este rumor, esperamos que os servizos administrativos, e a propia moral dos supostos autónomos, corrixan tales incorreccións.

Sexa como fora, o certo é que nuns casos por chivatazos, e noutros por meteduras de pata, os autónomos foron enganados.

Uns foron prexudicados polos mesmos que quixeron venderlles un trato de favor, e outros polo caos administrativo na propia Deputación.

O pasado martes, 9 de xuño, o voceiro e o vicevoceiro do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense, realizamos unha rolda de prensa no Pazo Provincial na que destapamos esta nova trama caciquil, sinalando aos culpables -Manuel Baltar e os alcaldes e alcaldesas que mencionamos nesta nova-, e ás vítimas: os autónomos, con independencia de que lles venderan ou non o favor, así como os propios traballadores da Deputación, que non teñen culpa da presión dunha presidencia inútil e clientelar, que se confiara no ben común evitaría presas innecesarias, equivocacións e, sobre todo, redes de corrupción.

O malo é que isto último é consubstancial ao baltarismo, lévano no seu ADN dende o minuto un. Neso, son os primeiros.

Nesa rolda de prensa, os socialistas propuxemos algo máis útil que todo este parasitismo: instamos á Deputación para que buscara e atopara fórmulas administrativas legais que garantiran o mantemento das axudas dos autónomos que as cobraron a pesares de presentalas antes de prazo, posto que unha revisión legal das mesmas por parte dos servizos administrativos da propia entidade provincial podería requirir o reintegro das mesmas (intereses engadidos).

Asemade, engadimos que a Deputación debe buscar solucións para outros autónomos que tamén resultaron prexudicados neste proceso: aqueles para os que xa non quedaron fondos, ben por non dispor de información privilexiada (a diferencia dos que si a tiveron), ou ben porque quedara esgotada a partida cando presentaron a súa solicitude.

Máis de 10.000 autónomos ourensáns recibiron 18,7 millóns de euros derivados da prestación extraordinaria creada polo Goberno do Estado, sen distinción, sen amiguismos. Como debe ser.

Que diferente sería esta terra sen o parasitismo caciquil dos Baltar e o seu clan!