INICIATIVAS Política municipal

Os socialistas de Leiro piden que se limpen as pontes da Esperela e de San Clodio

O PSDEG-PSOE DE LEIRO SOLICITA A LIMPEZA CON “CARÁCTER DE URXENCIA” DA PONTE DA ESPERELA E DA PONTE DE SAN CLODIO QUE PRESENTAN UNHA IMAXE “DEPLORABLE E DE ABANDONO”

Os socialistas critican a “desidia” do alcalde do Partido Popular, “o que parece que a imaxe do noso municipio lle importa pouco”, apunta o voceiro do PSdeG en Leiro, Manuel Rodríguez

Piden ao Concello que solicite á Xunta de Galicia e as administracións competentes a limpeza inmediata de ámbalas pontes ou que sexa o propio consistorio o que asuma esta tarefa

Ourense, 13 de xuño de 2020. O PSdeG-PSOE de Leiro ven de rexistrar unha petición formal no Concello para que se proceda con “carácter de urxencia” a limpeza integral da Ponte da Esperela e da Ponte de San Clodio, xa que tal e como denuncian presentan unha imaxe “deplorable e de abandono” e están totalmente cubertas pola maleza. Dende o Grupo Municipal Socialista tamén se critica a “desidia” do alcalde do Partido Popular, “o que parece que a imaxe do noso municipio lle importa pouco”.

 Os socialistas consideran estas dous infraestruturas claves no municipio, xa que no caso da Esperela, “trátase dunha das portas de entrada a capital do Concello”, pola cal transcorre a estrada autonómica OU-209 polo que en palabras do voceiro socialista, Manuel Rodríguez, “o seu estado afecta tanto á paisaxe e tamén a súa conservación patrimonial”.

En canto a Ponte de San Clodio de orixe medieval, estamos a falar dun referente cultural e etnográfico de Leiro e dende 1981 é Monumento Nacional e Ben de Interese Cultural (BIC). Trátase dunha infraestrutura con moita historia que foi reformada no século XVIII polo arquitecto Agustín Coutiño e que viviu de primeira man durísimos enfrontamentos durante a Guerra da Independencia contra as tropas francesas de Napoleón. Dende o PSdeG aproveitan tamén para lembrar que no ano 2018 procedeuse a limpeza na mesma, “traballos realizados por un arqueólogo e o seu equipo e no que se retiraron árbores, plantas ou pedras incrustadas, que puñan en perigo a integridade da ponte”, explica o voceiro socialista, que tamén apunta que “os propios técnicos xa avisaron por entón que a ponte estaba nunha situación moi delicada, tras anos de abandono e coa presenza de bidueiros, amieiros e acacias crecendo entre as súas pedras, pero dende entón, nada se fixo”.

Por estes motivos, dende o Grupo Municipal Socialista de Leiro instan o Concello a que dirixa, no caso da Ponte da Esperela, un escrito a Xunta de Galicia e concretamente a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para que procedan a limpeza “urxente” da ponte xa que, tal e como apunta Manuel Rodríguez “a Xunta é a titular da estrada OU-209 que transcorre por esta infraestrutura e no caso de non facelo, que asuma o Concello a limpeza, como xa fixo nalgunha ocasión puntual”. Iniciativa que tamén trasladan no caso da Ponte de San Clodio e na que solicitan o Concello que busque axudas a través das administracións estatais, autonómicas ou provincias para acadar “unha subvención para realizar unha limpeza integral, que xa está afectando, e moito, tanto a conservación como a vista paisaxística e non é de recibo o tratarse dunha das moitas xoias arquitectónicas que temos no noso concello”, subliña Rodríguez.

Solicitude para que se proceda a limpeza de fincas

O Grupo Municipal Socialista rexistrou tamén outro escrito no que instan ó Concello a elaboración dun bando para recordarlle á veciñanza a obriga de manter as fincas limpas e que no caso de que non se proceda á limpeza das mesmas, sexa o propio Concello o que adopte as medidas o seu alcance para proceder a limpeza e evitar riscos á veciñanza. “Atopámonos ás portas do verán, épocas de elevadas temperaturas en Leiro e o risco de incendios é por tanto moi alto e máis se cabe coas fincas e parcelas sen desbrozar e limpar”, apunta Manuel Rodríguez.

Os socialistas lembran tamén nesta iniciativa que “fai un ano, dende o Concello dábase unha gran publicidade ao Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios, elaborado pola Xunta de Galicia e que se aprobou no pleno do 28 de outubro, pero parece que agora nada se está a facer”. Recalcan dende o PSdeG-PSOE de Leiro que “ter un Plan de Prevención e Defensa contra Incendios non é suficiente para evitar os lumes e por tanto é preciso remarcarlles os propietarios das parcelas situadas nas franxas a carón dos núcleos de poboación, ou de vivendas illadas, a súa obriga de mantelas limpas.