Eleccións Galicia 2020 Xunta

O PSOE impulsará os hospitais comarcais de Ourense e suprimirá os contratos precarios do persoal sanitario

O PSDEG-PSOE ANALIZA COA COMISIÓN DE CENTRO DO CHUO O PULO QUE APLICARÁ Á SANIDADE PÚBLICA DE OURENSE DESDE O GOBERNO DA XUNTA “TRALO PLAN DE DERRUBAMENTO DE FEIJÓO”

“Imos dar dignidade aos sanitarios que piden estabilidade en lugar de contratos por horas”, anuncian desde o PSdeG ante un “Feijóo que só quere mercar votos e xogar cos profesionais con cheques indignos”

Puxeron o foco no fortalecemento da sanidade ourensá a través dos hospitais comarcais, na atención de proximidade e na mellora das condicións laborais do persoal coa supresión de contratos precarios

Ourense, 23 de xuño de 2020. O PSdeG-PSOE analizou hoxe coa Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) as necesidades da sanidade pública, así como o pulo que os socialistas pretenden aplicarlle desde a Xunta. Logo das eleccións autonomicas do 12 de xullo “imos dar dignidade aos sanitarios que piden estabilidade en lugar de contratos por horas”, anuncian os candidatos e candidatas ante un “Feijóo que só quere mercar votos e xogar cos profesionais con cheques indignos”. “Queremos devolver á sanidade a calidade que perdeu durante este plan de derrubamento do PP” tanto no CHUO como nos hospitais comarcais que o PSdeG reforzará.

Os candidatos Marina Ortega, Carmen Rodríguez Dacosta e Miguel Ojea, puxeron o foco no fortalecemento da sanidade universal apostando polos centros comarcais e pola atención directa e de proximidade. Tamén destacaron o aumento de 5.000 prazas estables no cadro de persoal e a eliminación dos contratos precarios, así como unha taxa de reposición do 100 %.

Marina Ortega asegura que, durante a reunión, “vislumbramos problemáticas moi preocupantes en situacións que durante a crise da COVID-19 crearon alarma” como as unidades de críticos “ao ser Ourense a única provincia de Galicia que non cumpre as ratios” logo destes longos anos de recortes continuados de Feijóo cunha “enfermeira para cada tres pacientes”. “O noso compromiso é firme cunha sanidade pública de calidade, co fortalecemento da atención primaria e coa atención de proximidade nos hospitais comarcais de Ourense”, dixo antes de anunciar “o reforzo da atención pública” tras un “recorte de 1.000 camas e unha gran precarización do persoal que merece condicións dignas”.

Pola súa banda, Miguel Ojea, denunciou a “continuada liña de recortes, a perda de dereitos laborais e a menor oferta para os usuarios e usuarias á que parece que nos afixemos” durante os gobernos de Feijóo “centrados soamente na esquilmación de servizos e persoal”. “O panorama da sanidade ourensá desde que entrou Núñez Feijóo é desolador no aspecto laboral e estrutural, cun desmantelamento dos hospitais que provoca que os sanitarios perdan a ilusión debido a estas circunstancias de precariedade absoluta”.

Carmen Rodríguez Dacosta sinalou a necesidade dunha “estabilización de persoal real” xa que “non se pode estar durante tanto tempo sen coñecer como é realmente un terzo do persoal necesario” porque “non sabemos quen está no cadro do persoal e quen non”. “Un día créase unha necesidade que endosan a unha persoa cun acumulo de tarefas estrutural”, recalcou antes de recordar tamén a precariedade á que Feijóo ten sometido ao persoal sanitario cunhas condicións “indignas”.