Concello de Ourense deportes

Rexeitamos as ameazas de Jácome aos socios da UD Ourense para condicionar a súa vontade

O PSDEG-PSOE DE OURENSE REXEITA DE FORMA TALLANTE “O BURDO” INTENTO DO ALCALDE DE “CONDICIONAR” A VONTADE SOBERANA DA MASA SOCIAL DA UD OURENSE E ESÍXELLE RESPECTO PARA OS MILLEIROS DE SOCIOS E SIAREIROS DESTE CLUBE

Os socialistas denuncian os insultos, coaccións e amezas por parte do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e lémbranlle que como rexedor da terceira cidade de Galicia “debería de dar exemplo”

Dende o grupo municipal socialista afirman que “velarán porque todos os clubs da cidade reciban as subvencións competitivas pertinentes” e lémbranlle a Jácome que “no caso de non concederllas a UD Ourense estará incorrendo nun delito de prevaricación”

Ourense, 2 de xullo de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense ven de situarse a favor da asemblea de socios da UD Ourense, que o pasado 25 de xuño rexeitou de xeito tallante a “última ocorrencia” do “rei das promesas incumpridas”, Gonzalo Pérez Jácome, que durante días estivo promovendo a fusión entre esta entidade e o Ourense CF. Os socialistas rexeitan de forma tallante “o burdo intento” do alcalde de Ourense de condicionar a vontade soberana da masa social dos club ourensán e esíxenlle “respecto” para milleiros de siareiros, socios e simpatizantes dunha entidade deportiva que en 6 anos pasou de competir na última categoría do fútbol español a converterse nun referente da Terceira División. Dende o grupo municipal socialista afirman que as declaracións proferidas por Jácome, nas que tildaba o asemblea de socios de “comunista” e afirmaba que o club se “arrastraba por campos de Terceira”, non son máis ca un exemplo “claro e conciso de que Jácome non sabe encaixar as derrotas”.

Os socialistas non dan creto as continuas ”ameazas, coaccións e insultos” de Gonzalo Pérez Jácome tanto nos medios de comunicación como a través das redes sociais e advirten o alcalde que como rexedor da terceira cidade de Galicia “debería dar exemplo e non comportarse coma un neno pequeno que insulta e se enfada cando as cousas non van polo lugar que el pretende”. Dende o PSdeG de Ourense tamén lle esixen o alcalde que “tome nota do exercicio democrático realizado pola asemblea de socios” e asuma a decisión unánime deste órgano competente que debe decidir o futuro do equipo.

“As manifestacións e ameazas por parte do alcalde constitúen, non só unha falta de respecto a unha entidade de gran arraigamento na cidade, senón unha chantaxe absolutamente inaceptable”, o que, provindo de quen ostenta a máxima representación municipal, “é de especial gravidade”, pois “é el precisamente quen debe gardar a maior imparcialidade respecto da libre vontade dos socios da UDO, e do resto de entidades deportivas desta cidade”.

Dende o grupo municipal socialista tamén deixan claro que “velarán” porque todos os clubs da cidade con categorías base, poidan acceder ás subvencións públicas que cada ano concede o Consello Municipal do Deporte para o fomento do deporte entre as crianzas e lémbranlle a Jácome que “deixar a unha entidade deportiva sen subvención competitiva por unha vinganza persoal é un delito de prevaricación, polo que os socialistas estaremos moi pendentes do que aconteza.

Para o PSdeG-PSOE de Ourense esta “ocorrencia” do alcalde non “é máis que outra forma de desviar atención do desleixo e abandono ó que ten sometido Ourense coa súa desidia e promesas incumpridas”. Os socialistas afirman que “non é crible que unha persoa que non cría nin apostaba polo deporte, veña agora con contos para non durmir e pretenda a fusión entre dous clubs da cidade para que pasen a ser de xestión municipal” e subliñan que o decálogo de Jácome “non son máis que castelos no aire, nos que non hai unha soa proposta viable e no que todo queda supeditado a uns inversores dos que nada se sabe”. Os socialista tamén deixan claro que “non permitiremos que o Concello de Ourense pague a débeda de ningunha entidade deportiva cos cartos de toda a cidadanía”, ante as declaracións de Jácome nos medios de comunicación nas que afirmaba que o Concello asumiría parte da débeda de 650.000€ do Ourense CF.

Críticas ó concelleiro de deportes Mario Guede

Os socialistas apuntan tamén a outra peza do puzle municipal, que non é outro que o Partido Popular, socio de goberno de Democracia Ourensán, o que lle esixen que “poña coto dunha vez aos desaires e exabruptos aos que, desafortunadamente, tennos afeitos o señor Pérez Jácome, e en particular ao desprezo mostrado cara á UD Ourense”. Os PSdeG da cidade de Ourense considera que o PP “debe amosar publica e expresamente que rexeita de forma tallante este comportamento do alcalde” e subliñan que “se siguen calados, serán cómplices das accións e ameazas contra a Unión Deportiva Ourense”.

Tamén lle trasladan o concelleiro de deportes , Mario Guede, que “debe dar a cara e deixar de seguir de perfil, namentres o alcalde se involucra na súa concellería”. Os socialistas consideran “inadmisible” que o concelleiro de deportes non se pronuncie publicamente sobre esta cuestión, nin que se “agoche”, namentres Jácome insulta a unha masa social que non hai moitos anos animaba a Clube Deportivo Ourense cando Guede era adestrador do club, polo que lle esixen que “dea un paso adiante e asuma dunha vez as súas competencias”.