Deputación de Ourense INICIATIVAS

A Deputación, a iniciativa socialista, recoñecerá “ao fin” a José Luis Cuerda como fillo adoptivo da provincia

O PSDEG-PSOE DE OURENSE “FESTEXA” QUE “AO FIN” A DEPUTACIÓN INICIE O PROCEDEMENTO PARA NOMEAR A JOSÉ LUIS CUERDA FILLO ADOPTIVO DA PROVINCIA DE OURENSE

Os socialistas presentaron o pasado 10 de febreiro unha petición formal para recoñecer o director, guionista e produtor de cinema o título de fillo adoptivo polos “extraordinarios e evidentes méritos en beneficio de Ourense”

Tamén destacan que “xa era hora despois de varios meses agardando de materializar unha merecida homenaxe a este xenio” que “foi un dos grandes embaixadores das virtudes de Ourense”

Ourense, 23 de xullo de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense “festexa” que “ao fin” a Deputación Provincial de Ourense inicie o procedemento para nomear o produtor, director e guionista de cinema, José Luis Cuerda, fillo adoptivo da provincia de Ourense. Os socialistas rexistraron o pasado 10 de febreiro unha solicitude formal para iniciar o procedemento, de acordo co estipulado no Regulamento de Honras e Distincións da institución, baseándose nos “extraordinarios e evidentes méritos en beneficio de Ourense”. Máis de 5 meses despois, o ente provincial presidido polo Partido Popular “dignouse” a levar a pleno para ratificar a incoación do expediente para concederlle a distinción de fillo adoptivo da provincia.

Para a concesión desta distinción é preciso a instrución dun expediente administrativo no que se acrediten eses méritos e circunstancias, mais cando concorran “extraordinarios e notorios méritos e circunstancias” da persoa a distinguir —algo que o PSdeG-PSOE cre que se da neste caso— non será preciso o expediente, sempre que acordo se adopte por aclamación. En todo caso, o regulamento detalla que o pleno deberá adoptar a decisión “co voto favorable das dúas terceiras partes do número de feito e, de ser o caso, da maioría absoluta do número legal de membros da corporación”.

Os socialistas consideran que “é preciso que as institucións públicas de Ourense materialicen, con toda a premura posible, unha merecida homenaxe a este xenio que, nas súas propias verbas, amaba unha provincia da que quedou prendado tras rodar en Galicia El Bosque Animado, a finais dos anos oitenta”.

“José Luis Cuerda, veciño da comarca do Ribeiro na que tiña unha casa e unha bodega de viño, foi un dos grandes embaixadores das virtudes de Ourense ó longo do último cuarto de século, a través das súas películas, textos, verbas e louvanzas”, salientan, e por iso “merece o máis alto recoñecemento que as institucións lle poden outorgar”. “Esta é unha necesaria homenaxe a unha gran figura das artes e da cultura que sempre presumiu da nosa provincia”, polo que “invitamos a sumarse a esta distinción a todas as forzas políticas e a todos e todas os veciños e veciñas que, ademais, cremos que deberá ir acompañada doutros recoñecementos futuros a impulsar conxuntamente co resto de partidos e con toda a sociedade”, conclúen.