Eleccións Galicia 2020 SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

A executiva provincial aposta pola estabilidade e afondar no modelo galeguista

A EXECUTIVA PROVINCIAL DO PSDEG-PSOE DE OURENSE VALORA OS RESULTADOS ELECTORAIS E APOSTA POLA “ESTABILIDADE”, POR “CONSOLIDAR PROXECTOS” E POR “AFONDAR” NO MODELO GALEGUISTA                

Os socialistas ourensáns celebraron onte a súa executiva provincial, despois dun tempo de reflexión profunda que os fai avogar por seguir profundando nun “modelo autónomo, con raíces galeguistas, en clave galega”

Recalcan tamén que os resultados electorais non eran “excepcionalmente os que tiñamos pensado, pero non é un mal resultado”. Lembran que Ourense é a única provincia de Galicia na que o PSdeG gaña un deputado e o PP tamén se deixa un escano

Ourense, 23 de xullo de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou onte unha executiva provincial, trala xornada electoral do pasado 12 de xullo e despois de varios días de reflexión profunda para analizar os pros e contras dos resultados nas urnas. Os socialistas ourensáns destacan e valoran “o traballo e esforzo” do secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, o que en ningún momento se puxo en cuestión e apostan polo “afianzamento” do proxecto socialista”, con “estabilidade”, para seguir “afondando” no modelo “autónomo, con raíces galeguistas e en clave galega” e ofrecer “estabilidade e continuidade”.

Os socialistas ourensáns apostan porque o proxecto político socialista debe ter “continuidade no tempo” e por “consolidar” o proxecto política a medio prazo, cunha orientación cara o galeguismo. Tras uns días de reflexión importante sobre os resultados electorais, dende o partido do puño e a rosa entenden que o proxecto socialista “ten que ser un proxecto construído autonomamente dende Galicia, por e para Galicia e que esixe consolidar os elementos de identidade socialistas en Galicia durante os vindeiros meses”.

A executiva provincial recalcou tamén que os resultados electorais non eran “excepcionalmente os que tiñamos pensado, pero non é un mal resultado”. Cabe lembrar que a provincia de Ourense, foi a única na que o PSdeG aumentou un deputado e tamén destacan que o PP, “unhas eleccións máis” volveu a deixarse máis de 11.000 votos polo camiño, o que lle fixo perder un escano, sendo tamén “a nosa provincia a única na que os populares perden representación”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense poñen de manifesto o apoio ao secretario xeral galego e a “estabilidade” do partido nun proxecto que está nacendo. Tamén fan reflexión na “dificultade” que entrañaban as eleccións a consecuencia da pandemia provocada pola COVID-19 e despois duns meses no que segundo afirman “a posición do partido mudou, xa que tiñamos unha posición de vantaxe en abril que como consecuencia do coronavirus se devalou”. Ante esta situación, a executiva provincial chama a “facer autocrítica e unha reflexión profunda para seguir afondando no modelo autónomo galeguista”.

O PSdeG-PSOE de Ourense aposta tamén por seguir co estilo de traballo adoptado pola agrupación provincial e que subliñan “levounos a reducir o número de votos do PP, namentres nos conseguimos de xeito parcial os nosos obxectivos”. Os socialistas ourensáns márcanse a senda de “seguir traballando polo futuro da nosa provincia, libre de políticas caciquís e clientelares e que esperte do letargo de máis de tres décadas de servilismo e políticas feudais dos Baltar”.