concellos INICIATIVAS

As socialistas de Punxín solicitan melloras en varios puntos do concello

O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN SOLICITA MELLORAS EN VARIOS NÚCLEOS POBOACIONAIS DO CONCELLO ANTE A SITUACIÓN DE ABANDONO QUE VIVEN POR PARTE DO GRUPO DE GOBERNO

As concelleiras socialistas veñen de solicitar a mellora da “Praza do Souto” en Rubiás, así como a realización dun parque infantil en Vilela, mentres traballan nun “Plan de Mellora Integral do Concello”

«Ante a parálise e desidia do grupo de goberno encabezado polo PP, non podemos quedar paradas e decidimos movernos e facer o seu traballo», destaca a voceira socialista, Lorena Peleteiro

Ourense, 24 de xullo de 2019. As concelleiras socialistas en Punxín veñen de solicitar, mediante a presentación de dúas mocións que serán debatidas no vindeiro pleno do Concello de Punxín, a mellora da “Praza do Souto” en Rubiás, así como a realización dun parque infantil na parroquia de Vilela.

Indican, dende o Grupo Municipal Socialista, que se trata de demandas da veciñanza destes dous lugares, “a parroquia de Vilela é a única do Concello que non dispón dun lugar de esparcemento para os máis cativos, e a praza do Souto de Rubiás atópase totalmente abandonada e carente de iluminación”, sinala a voceira socialista, Lorena Peleteiro.

Así mesmo, indican que están a manter contactos coa veciñanza de todas as parroquias, dentro das posibilidades pola situación excepcional que se está a vivir, co fin de traballar nun “Plan de Mellora Integral do Concello”.

A voceira socialista, Lorena Peleteiro, sinala que “estamos a facer o traballo que debería estar a facer o Grupo de Goberno, pero ante a súa parálise e desidia, non podemos quedarnos paradas”.