Deputación de Ourense INICIATIVAS

Solicitamos á Deputación de Ourense un plan de 16 millóns para autónomos e pemes

O PSDEG-PSOE DE OURENSE SOLICÍTALLE A DEPUTACIÓN DE OURENSE A CREACIÓN DUN FONDO EXTRAORDINARIO CON 16 MILLÓNS PARA AXUDAR A AUTÓNOMOS E PEMES DA PROVINCIA

Os socialistas defenderán no vindeiro pleno unha moción que ten como fin “aumentar e prorrogar” as subvencións percibidas polos afectados da COVID-19 e que “poidan mellorar” a súa situación económica, e afrontar con maiores apoios as dificultades socio económicas dos vindeiros meses

O deputado socialista, Ignacio Gómez, destaca que “é preciso facer novos esforzos” e lémbralle a Deputación que “ten a obriga de actuar con celeridade e equidade” ante a “escasa ou marxe de manobra” da que dispoñen os pequenos concellos da provincia

Ourense, 23 de xullo de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense pedirá no vindeiro pleno da Deputación de Ourense, o venres 31 de xullo, a constitución dun fondo extraordinario de axuda aos autónomos, autónomas e pequenas empresas da provincia, co fin de “aumentar e mellorar” as subvencións percibidas das persoas emprendedoras afectadas pola pandemia da COVID-19. Os socialistas piden que se dote este fondo extraordinario con 16 millóns de euros, co fin de que os afectados e afectadas poidan “mellorar a súa situación económica”, incrementando “considerablemente” as subvencións percibidas, para “restablecer progresivamente” o funcionamento normal da actividade económica.

Dende o Grupo Provincial Socialista lembran que a Deputación Provincial aprobou o pasado mes de abril, unha modificación de crédito co fin de pagar, entre outras achegas, unha subvención única de 600 euros aos autónomos e autónomas afectadas dos municipios de menos de 20.000 habitantes. No caso das pequenas empresas, o máximo era de 1.000 euros por solicitude, destinándose un total de 3.8 millóns a estas dúas liñas de axudas directas, que para os socialistas resultan “insuficientes” para facer fronte á situación pasada e futura, “segundo as previsións económicas”.

Os deputados e as deputadas socialistas posan coa moción en favor dos autónomos e pemes que levarán o vindeiro pleno da Deputación de Ourense.

O vicevoceiro socialista, Ignacio Gómez Pérez, destaca que “é preciso facer novos esforzos”, por iso defende “a aprobación dun fondo extraordinario, dotado con 16 millóns de euros” para ampliar as cantidades percibidas polos afectados e afectadas pola pandemia da COVID-19. As persoas beneficiarias das mesmas deberían ser, por unha banda, aquelas incluídas no Réxime Especial de Traballadoras Autónomos ou no Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios, que “exerzan unha actividade económica nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia” e “ter recoñecida” a prestación extraordinaria do Goberno central ou “ter sido receptor” da subvención da Deputación de Ourense, afirma Gómez Pérez, que tamén apunta que por outra banda, as axudas a empresas pequenas, “beneficiaría a aquelas ubicadas nos municipios de menos de 20.000 habitantes, afectadas ou non polo peche obrigatorio decretado polo estado de alarma, con menos de 10 traballadores e facturación anual inferior a un millón de euros”.

A Deputación de Ourense ten “a obriga” de actuar con “celeridade e equidade” ante a “escasa ou nula capacidade” dos pequenos concellos para atender ás demandas de autónomos, autónomas e empresas dos seus territorios, explican dende o PSdeG-PSOE de Ourense no ente provincial. “Se a Deputación de Ourense se define como o concello dos concellos, é preciso que actúe como tal e faga aínda maiores esforzos coas entidades locais”, apuntan os socialistas, que tamén subliñan que a institución provincial “debe traballar para que o seu paraugas de protección nos municipios de Ourense non sexa menor ao que recibirán os afectados e afectadas da cidade, que prevé destinar 20 millóns para este tipo de subvencións”.

Os socialistas defenden deste xeito a “reactivación” do emprego local, a “protección” do traballo autónomo e o “impulso” da competitividade e o “futuro” das pequenas e medianas empresas da nosa provincia, que tal e como subliñan “requiren dun novo esforzo que debe ser aprobado polo interese xeral”. “Entre todos e todas temos que dar unha resposta que permita restablecer progresivamente o funcionamento normal da actividade económica e produtiva das nosas empresas, a necesaria seguridade xurídica e a protección equitativa dos colectivos vulnerables, independentemente de se están ubicados na cidade ou no resto de municipios”, finaliza o vicevoceiro provincial dos socialistas, Ignacio Gómez Pérez.