INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

A secretaría provincial de emigración asesora aos retornados coas pensións complementarias

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ASESORA E AXUDA AOS EMIGRANTES RETORNADOS DE ALEMANIA PREOCUPADOS POLO IMPAGO DAS PENSIÓNS COMPLEMENTARIAS

O secretario provincial de emigración, Luís Gulín, leva días recibindo chamadas de diferentes puntos da península e xa realizou varias xestións coas empresas implicadas

A problemática reside en que desde xaneiro deste ano “modificouse a regulación das chamadas Betriebsrenten en Alemaña e non se lle comunicou os afectados”, explica Gulín

Ourense, 27 de xullo de 2020. O secretario provincial de emigración do PSdeG-PSOE de Ourense, Luís Gulín,  recibiu correos e chamadas telefónicas de emigrantes retornados de Alemaña residentes en Galicia, maioritariamente da provincia de Pontevedra, e tamén fóra da Comunidade Autónoma (Estremadura e Andalucía) trasladándolle a súa preocupación que desde xaneiro non reciben a pensión complementaria da empresa na que traballaron.

Moitos dos emigrantes retornados de Alemaña, a parte da súa pensión de xubilación oficial, perciben a maiores unha pensión complementaria chamada Betriebsrente procedente dun fondo de pensións da empresa ou da administración pública na que traballaron. Adoitan ser cantidades modestas que poden oscilar entre 50 a 400 euros ao mes. Desde xaneiro deste ano, mesmo algúns desde novembro 2019, seguen esperando polo pago desas pensións da empresa.

O secretario provincial de emigración, analizando a documentación achegada polos afectados, realizou varias chamadas ás empresas e escrito correos electrónicos interesándose pola situación.

“A problemática reside que desde xaneiro deste ano modificouse a regulación e xestión das chamadas Betriebsrenten en Alemaña”, explica Gulín. Esta circunstancia non foi comunicada aos afectados que implica, entre as novidades de xestión, que eles mesmos teñen que achegar cada ano unha fe de vida por iniciativa propia. “Antes do 31 de decembro adoitaban chegar os impresos para xustificar de estar vivos, acreditando a circunstancia co selo dun organismo oficial español”, apunta o secretario provincial de emigración dos socialistas ourensáns. Moitos dos mais de 14.000 xestores de fondos de pensións complementarias de Alemaña obviaron de informar aos seus asegurados en España. Mesmo algúns deles, como a empresa Opel, envían impresos que para renovar a continuidade da pensión complementaria, os interesados deben estar ao día no pago do imposto á Igrexa católica  ou ter un NIF alemán (requisitos só aplicables en territorio xermano) creando certa confusión entre os interesados.

Luís Gulín púxose a disposición dos afectados e os seus familiares para realizar calquera tipo de xestión para axilizar os pagos atrasados pendentes.