concellos Denuncias

Os socialistas de Cartelle denuncian a «chapuza» feita pola Deputación nunha estrada no municipio

O PSDEG-PSOE DE CARTELLE DENUNCIA A “CHAPUZA E PARCHEADO CUTRE” LEVADO A CABO POLA DEPUTACIÓN DE OURENSE NA ESTRADA QUE UNE CARTELLE CON SANDE E QUE XA CAUSOU ESTRAGOS AOS VEHÍCULOS DA VECIÑANZA

Os socialistas sinalan que o único que se fixo nesta estrada “foi botar gravilla, o que xerou que a unha veciña do municipio, lle rebentara por completo a lúa do seu vehículo o saltar a grava o coche”

O voceiros socialista, Jesús Pereira, reclama que “se proceda a arranxar esta chapuza a maior brevidade posible” e subliña que “a veciñanza está molesta por como funcionan as cousas no concello”

Ourense, 29 de xullo de 2020. O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia a “chapuza e parcheado cutre” levado a cabo pola Deputación de Ourense na estrada que une Cartelle con Sande e no que se empregou grava para tapar as numerosas fochancas presentes na estrada. Unha situación que xerou xa problemas a máis dun veciño, como é o caso dunha veciña da parroquia de Sande, que tal e como informan os socialistas da localidade “rebentoulle por completo a lúa do seu vehículo, tras cruzarse con outro coche que fixo que a grava lle saltara o seu, rachando a cristaleira dianteira do mesmo”.

Os socialistas consideran que a actuación da Deputación de Ourense nesta estrada, a OU-0215 que une o municipio de Cartelle con A Arnoia, “non é de recibo” e reclaman a través do seu voceiro, Jesús Pereira, “medidas urxentes e que se proceda a arranxar esta chapuza coa maior brevidade posible”. Unhas obras, que comezaron antes das eleccións e que a día de hoxe quedaron totalmente paralizadas, especialmente no tramo entre Cartelle e Sande, “onde o único que fixeron foi botar grava para tapar as fochancas, sen ter en conta o perigo que isto supón para a seguridade de condutores e vehículos, xa que as pedras saltan constantemente e causan danos severos, como lle aconteceu a esta veciña do municipio”, explica o voceiro socialista.

Dende o Grupo Municipal Socialista teñen claro que “este non é máis que outro exemplo da desidia e o abandono ó que o PP ten sometido a Cartelle” e subliñan que “xa basta de empregar grava para parchear as estradas, e hora de que se empece a utilizar asfalto de verdade para que a seguridade vial prime por riba de todo”. Este tipo de actuacións con grava en lugar do asfaltado son unha constante nos municipios da provincia. “Está claro que a grava lles sae máis barata, pero tamén hai que pensar na veciñanza, nos seus vehículos e na seguridade, que son os elementos máis importantes a hora de levar a cabo un proxecto”, afirma Jesús Pereira, que tamén puntualiza que “a veciñanza de Cartelle está moi enfadada polo estado da estrada e por esta chapuza que fixeron aquí e así nolo expresaron xa en numerosas ocasións”. O voceiro socialista pídelle a Deputación e o Concello que “tomen nota do acontecido con esta veciña a que lle partiu a lúa do coche e poñan solución a esta situación de falta de seguridade no tramo entre Cartelle e Sande”.