Deputación de Ourense INICIATIVAS

Os socialistas en contra da fenda dixital e de aprendizaxe que existe na provincia

O PSDEG-PSOE DEFENDE A CREACIÓN DUN PLAN PARA “REDUCIR” A FENDA DIXITAL E DE APRENDIZAXE NA PROVINCIA, POR PARTE DA XUNTA DE GALICIA, QUE AXUDE A “SUPERAR” AS DESIGUALDADES

Os socialistas defenderán no pleno deste venres unha moción neste senso,  para garantir “a equidade e calidade do noso sistema educativo” e asegurar a “educación a distancia»

Dende o grupo provincial manifestan que “o confinamento por mor da COVID19 e o peche de escolas puxo a proba a capacidade de resposta do noso sistema educativo”

Ourense, 27 de xullo de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense defenderá no vindeiro pleno da Deputación Provincial, que se celebra este xoves, unha moción na que instan á Xunta de Galicia, á creación dun plan para “reducir” a fenda dixital e de aprendizaxe na provincia e que “axude a superar” as desigualdades existentes “garantindo a equidade e calidade do noso sistema educativo”, “asegurando a continuidade educativa a distancia do noso alumnado” para que siga aprendendo nas mellores condicións posibles. Os socialistas consideran que “o confinamento por mor da COVID19 e o peche de escolas puxo a proba a capacidade de resposta do noso sistema educativo”. En España, a peche de escolas e o confinamento de millóns de alumnos e alumnas nos seus fogares “esíxenos unha resposta compartida entre o Estado e as Comunidades Autónomas para manter en funcionamento o servizo público educativo en igualdade de oportunidades para todo o noso alumnado”, explican os socialistas.

Neste plan para reducir a fenda dixital e de aprendizaxe na provincia, os socialistas inclúen 4 puntos claves:

1. O impulso dun grupo de traballo que analice a situación actual, en relación coa fenda dixital e de aprendizaxe que existe nos centros educativos da Comunidade autónoma.

2. O deseño e posta en marcha, atendendo ao seu respectivo nivel de competencia, de programas de radio ou dunha TV educativa con canles en aberto, que ofrezan unha formación adecuada ás distintas etapas educativas para zonas sen Internet ou sen televisión por cable, dando cobertura así ao alumnado sen ordenador nin conexión.

3. Propostas de acordos coas empresas de telecomunicacións, así como educativas e a UNED, para eliminar ou reducir ao máximo o custo de acceso aos recursos educativos online que potencien a utilización de plataformas, a escola virtual a distancia, como vías para que o alumnado poida avanzar ao seu propio ritmo de aprendizaxe.

4. Traballar en colaboración co Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital para que o Programa de Extensión da Banda Ancha de Nova Xeración (PEGA-NGA), que prevé axudas para as zonas onde non hai cobertura, se impelente canto antes propiciando que o 100% da poboación en España teña acceso a internet.

Os e as deputados socialistas posan diante do Pazo Provincial coa moción que defenderán no pleno da Deputación de Ourense este vindeiro venres.

O Grupo Provincial Socialista márcase como obxectivo “adoptar as medidas necesarias para que o alumnado que o necesite acceda a axudas específicas que lle permitan obter un dispositivo persoal con conexión á rede que poida utilizar no seu fogar para o seu proceso de aprendizaxe”. Afirman tamén que buscan “poñer en marcha un plan especial de formación para os docentes en capacitación TIC, accións de formación dirixidas ás familias e outros axentes da comunidade educativa co obxectivo de formarlles en competencia dixital e ser máis eficaces no uso das TIC, e así servir de apoio na aprendizaxe dos seus fillos e fillas”.

A través deste proxecto, os socialistas queren contribuír a “activar redes de voluntariado educativo: non presencial, vía telemática ou telefónica, que consistiría en prestar axuda e asesorar ás familias co fin de axudar para afrontar retos didácticos específicos: idiomas, matemáticas, ciencias, hábitos, etc.”, ademais de “capacitar dixitalmente e potenciar a acción de todos os servizos educativos de apoio, en contacto, e a disposición do centro/zona escolar e de todo o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para elaborar un protocolo de actuacións educativas ante calquera posible suspensión da actividade presencial e por motivos de excepcionalidade, alarma ou urxencia.”.

A fenda dixital e de aprendizaxe acrecéntase para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, de forma que á segregación que sofren as persoas polas súas condicións persoais, incorpórase a discriminación introducida pola tecnoloxía. Ante esta situación, os socialistas sinalan que “estamos na obriga de darlles unha resposta o máis personalizada posible, respondendo ás súas necesidades e dotándolles de todos os medios necesarios para que poidan aprender en igualdade de condicións que o resto do alumnado, garantindo así a equidade e a calidade do sistema educativo español”, apuntan os socialistas.

O grupo no Pazo Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense remata afirmando que “a situación que estamos enfrontando esixe pensar e prever para o futuro, deseñar protocolos para que nun hipotético futuro o noso sistema estea preparado para abordar unha pandemia ou calquera outra circunstancia que esixa o peche físico dos centros educativos”.