OS DEPUTADOS DO PSDEG-PSOE DE OURENSE NO CONGRESO MANTEÑEN UN ENCONTRO DE TRABALLO COA VOCEIRA DA COMISIÓN DE FACENDA SOBRE OS EMIGRANTES RETORNADOS
Adolfo Pérez Abellás e Uxía tizón trasladáronlle a titular da comisión de Facenda, Patricia Blanquer, un amplo informe co traballo feito nos últimos anos cos colectivos retornados da provincia de Ourense
Os parlamentarios ourensáns manifestan o seu compromiso de axudar e atender o colectivo de emigrantes retornados na provincia de Ourense, seguindo o traballo feito polos socialistas ourensáns
Ourense, 1 de agosto de 2020. Os representantes socialistas pola provincia de Ourense no Congreso de Deputados, Uxía Tizón e Adolfo Pérez Abellás, tiveron un encontro de traballo coa voceira da comisión de Facenda, Patricia Blanquer Alcaraz sobre o colectivo de emigrantes retornados. O deputado e a deputada ourensáns trasladáronlle a responsable da Comisión de Facenda e deputada socialista pola provincia de Alacante, un amplo informe co co traballo feito nos últimos dous anos co colectivo dos emigrantes retornados da provincia de Ourense.
Uxía Tizón e Adolfo Pérez Abellas expoñeron as reclamacións e queixas de este colectivo en temas tributarios e do recoñecemento das pensións de invalidez estranxeiras ante a seguridade social, resaltando en especial as múltiples sentencias favorables existentes nestas cuestións. Patricia Blanquer comprometeuse estudiar a documentación entregada e facer as oportunas propostas dentro da comisión de Facenda.
Os parlamentarios ourensáns manifestan o seu compromiso de axudar e atender o colectivo de emigrantes retornados na provincia de Ourense, seguindo o traballo feito polos socialistas ourensáns con reunións informativas, asesoramento na sede provincial ou en outros puntos da provincia, atendendo todas as queixas, reclamacións e suxerencias en prol dos emigrantes retornados.