Denuncias Deputación de Ourense

A xustiza ditaminará a legalidade das axudas aos autónomos da Deputación de Ourense

O PSDEG-PSOE DE OURENSE INTERPÓN UN RECURSO CONTENCIOSO ADMINISTRATIVO CONTRA AS BASES REGULADORAS QUE RIXEN AS AXUDAS Á AUTÓNOMOS OUTORGADAS POLA DEPUTACIÓN

Os socialistas subliñan que as conclusións do informe da avogacía do Estado din claramente que “as bases reguladoras carecen de informes preceptivos e vinculantes” e apuntan que polo tanto “poderían incorrer en ilegalidade e ter incluso responsabilidades persoais”

Rafa Villarino mándalle unha mensaxe de calma aos autónomos da provincia, “poden estar absolutamente tranquilos de que non terán que devolver as axudas” e afirma que “os únicos responsables son Baltar e os membros da xunta de goberno”  

Ourense, 31 de xullo de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través do grupo provincial da Deputación de Ourense na súa totalidade, vén de interpor recurso contencioso administrativo contra as bases reguladores que rexen a concesión das axudas autónomos, aprobadas na xunta de goberno do ente provincial o pasado 8 de maio. Tras consultar as conclusións do informe da avogacía do Estado, na que se apuntaba que esas bases reguladoras “carecen de informes preceptivos e vinculantes”, os socialistas optan pola vía xudicial xa que tal e como apuntan “as bases poderían incorrer en ilegalidade e ter incluso responsabilidades persoais”.

Dende o grupo provincial socialista apuntaron que “o PSOE vai velar sempre porque o diñeiro público se reparta de xeito legal, de acordo coas competencias que ten cada administración e que se faga de forma xusta”. Neste senso os socialistas lembraron que antes de ser publicadas as bases no BOP, cargos institucionais do Partido Popular xa lle deran información privilexiada a unha serie de autónomos que tal e como afirman os socialistas “foron os que a presentaron en primeiro lugar e fora de prazo”. Apuntan dende o PSdeG de Ourense que o día 8, “grupos afíns” xa tiñan a “filtración” destas bases e dedicáronse a “pedilas fóra de prazo”.

O secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, mandoulles tamén unha mensaxe de calma aos autónomos e autónomas da provincia na que afirmou que “poden estar tranquilos, xa que non terán que devolver as axudas”, para posteriormente subliñar que “están sendo utilizados como ferramenta electoral do Partido Popular para atacar os socialistas por investigar as súas presuntas ilegalidades”. Villarino deixou claro “os socialistas estamos a favor das axudas aos autónomos”, como xa manifestaron coa moción que defenderán hoxe no pleno da Deputación de Ourense e na que piden a creación dun fondo extraordinario con 16 millóns de euros, pero tamén apuntaron que “as cousas deben facerse conforme a legalidade e non como fai o clan Baltar, acostumado a repartir os cartos  coma se fosen feixes de billetes seus, e dándollos primeiro os amigos”.

O voceiro socialista destacou tamén que os únicos responsables no caso de que a xustiza ditamine a ilegalidade das axudas “son Baltar e os membros da xunta de goberno da Deputación que aprobaron as bases” e apunta que as devanditas bases “serán sometidas o escrutinio da xustiza e será esta a que ditamine se efectivamente ten razón Baltar, ou se polo contrario, teno o informe da avogacía do Estado, co que coincide o PSOE”. “De ser nulas de pleno dereito, quen tería que responder persoalmente e patrimonialmente serían José Manuel Baltar e os membros da xunta de goberno que aprobaron as bases”, destacou Villarino.

Os socialistas culparon tamén o Partido Popular de iniciar “unha campaña de desprestixio” contra o voceiro provincial e o PSdeG-PSOE de Ourense na que afirmaban que os socialistas ían contra os autónomos, acusación que os socialistas negan “de xeito tallante” e lembran as iniciativas levadas a cabo en favor de este colectivo e as mocións presentadas para mellorar as contías das axudas e que “PP e DO votaron en contra”.

“Nós desligámonos de calquera comentario e dicimos que fale a xustiza”, afirma Villarino antes de apuntar que “os socialistas apostamos polo respecto o estado de dereito, polo respecto as persoas que están na vida política, por evitar calquera tipo de descualificación persoal e optamos pola vía xudicial para que se ditamine que acontece con estas axudas”. Os socialistas finalizaron subliñando novamente que “os autónomos que se acolleron as axudas legalmente, non teñen responsabilidade, xa que esta recae sobre os responsables de aprobar as bases e son eles os que teñen que asumir os erros, polo que os autónomos poden estar tranquilos de que non lles retirarán os cartos”.