concellos INICIATIVAS

Apoio unánime ás mocións socialistas no pleno do Concello de Maceda

O PSDEG-PSOE DE MACEDA ACADA O APOIO UNÁNIME DOS GRUPOS DO PLENO MUNICIPAL PARA DOTAR DE COBERTURA DE INTERNET DE ALTA VELOCIDADE AO 100% DA POBOACIÓN DO CONCELLO

Os socialistas tamén levaron ao pleno unha moción na que solicitaban a posta en funcionamento de semáforos de velocidade en Foncuberta e Vixueses, que tamén acadaron o apoio de tódolos grupos políticos

O voceiro socialista, Xabier Oviedo, destaca que “é unha ledicia para a veciñanza que ven cumpridas dúas demandas que tiñan nos últimos tempos e que lle serán respondidas gracias ao traballo dos socialistas”

Ourense, 31 de xullo de 2020. O O PSdeG-PSOE de Maceda acadou o apoio unánime dos grupos políticos do pleno municipal para a aprobación de dúas mocións, nas que solicitaban que se dotase de cobertura de internet de alta velocidade o 100% da poboación do Concello e a posta en funcionamento de semáforos de velocidade en Foncuberta e Vixueses. As mocións constaron co total respaldo do resto de forzas políticas, cuestión que os socialistas “festexan”, xa que tal e como apuntan “será en beneficio da veciñanza”.

No relativo a moción para dotar de cobertura o 100% da poboación do Concello con internet de alta velocidade, os socialistas solicitaban que se comprometese a todas as administracións para que “de xeito inmediato” poñan en funcionamento axudas que dean cabida a alta velocidade, ben sendo fibra óptica ou calquera das outras tecnoloxías aplicadas na actualidade. O voceiro socialista, Xabier Oviedo, destaca que “o confinamento deixou de manifesto a obriga de que o noso rural e o noso concello conten cunhas boas conexións a internet para poder estar a altura dos novos tempos que como sabemos xa chegamos”, e apunta que “o teletraballo chegou para quedarse e o telestudar será unha realidade nas próximas datas, tal e como xa vimos durante a pandemia provocada pola COVID-19”.

Os socialistas consideran importante rematar coa fenda dixital existente actualmente en Maceda e na provincia de Ourense. Motivo polo cal optaron por presentar unha moción que consideran “primordial para o presente e o futuro” e dada as circunstancias “xurdidas a raíz da pandemia” que amosou, segundo afirma Oviedo que “non estabamos preparados para poder traballar e estudar dende a casa a través dos medios telemáticos.

Na segunda das mocións presentadas polo grupo municipal socialista de Maceda, propoñían a instalación de semáforos de velocidade na Avenida Dos Milagres en Maceda, Foncuberta e tamén en Vixueses co obxectivo de “mellorar a seguridade vial para peóns e condutores”, xa que tal e como informan os socialistas, a estrada en cuestión a OU-103, ao seu paso polas poboacións mencionadas “produce un gran perigo a veciños e veciñas, xa que o bo estado do firme e o trazado, préstase a que os vehículos pasen a gran velocidade e non respecten as limitacións propias da estrada ao seu paso por núcleos de poboación”. Os socialistas tamén propuñan que se estudase a posibilidade de colocar os mencionados semáforos na OU-104 o seu paso por Zorelle, Bustavalle e Vilarellos.

O voceiro socialista, Xabier Oviedo, destaca que “é unha ledicia para a veciñanza, que ven cumpridas dúas demandas que tiñan nos últimos tempos e que lle serán respondidas gracias ao traballo do grupo municipal socialista, que segue a pelexar cada día contra o ostracismo reinante na vila e en favor dos seus veciños e veciñas”.