Deputación de Ourense INICIATIVAS

PP e DO en contra do incremento das axudas aos autónomos e pemes da provincia

PP E DO TOMBAN A PROPOSTA DO PSDEG-PSOE DE OURENSE DE INCREMENTAR AS AXUDAS AOS AUTÓNOMOS E PEMES DA PROVINCIA, A TRAVÉS DA CREACIÓN DUN FONDO EXTRAORDINARIO

Os socialistas critican o “cinismo político” do grupo de goberno provincial o “desvirtuar as mocións dos grupos” coa presentación de emendas de substitución que “non aportan nada á provincia”

O bipartito provincial tamén rexeitou a autorización de compatibilidade do voceiro, Rafael Rodríguez Villarino, a pesar da legalidade da mesma, nun exercicio de “capricho e pataleta política”

Ourense, 31 de xullo de 2020. Partido Popular e Democracia Ourensana tombaron no día de hoxe a proposta do PSdeG-PSOE de Ourense na que solicitaban que se incrementasen as axudas aos autónomos e autónomas e as pequenas empresas da provincia, a través da creación dun fondo extraordinario de axuda, dotado con 16 millóns de euros. Os socialistas procuraban “prorrogar e mellorar” as subvencións percibidas polas persoas afectadas da pandemia da COVID-19 e que se “optimizase” a situación económica destes colectivos, “incrementando considerablemente” as subvencións percibidas, para restablecer progresivamente o funcionamento normal da actividade económica. Unha moción que dende o grupo provincial socialista consideraban “ambiciosa e boa para o devir económico da provincia”, pero que PP e DO decidiron boicotear con emendas de substitución “absurdas” e que “desvirtúan unha vez máis as mocións dos grupos políticos sen aportar nada a provincia” e finalmente rexeitaron, “condenando” a milleiros de autónomos e pemes a quedar sen un incremento das axudas.

Dende o Grupo Provincial Socialista lembraron que a Deputación Provincial aprobou o pasado mes de abril, unha modificación de crédito co fin de pagar, entre outras achegas, unha subvención única de 600 euros aos autónomos e autónomas afectadas dos municipios de menos de 20.000 habitantes. No caso das pequenas empresas, o máximo era de 1.000 euros por solicitude, destinándose un total de 3.8 millóns a estas dúas liñas de axudas directas, que para os socialistas resultan “insuficientes” para facer fronte á situación pasada e futura, “segundo as previsións económicas”.

O vicevoceiro socialista, Ignacio Gómez Pérez, destacou que “é preciso facer novos esforzos”, por iso os socialistas defenden “a aprobación dun fondo extraordinario, dotado con 16 millóns de euros” para ampliar as cantidades percibidas polos afectados e afectadas pola pandemia da COVID-19. As persoas beneficiarias das mesmas deberían ser, por unha banda, aquelas incluídas no Réxime Especial de Traballadoras Autónomos ou no Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios, que “exerzan unha actividade económica nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia” e “ter recoñecida” a prestación extraordinaria do Goberno central ou “ter sido receptor” da subvención da Deputación de Ourense, afirmou Gómez Pérez, que tamén apuntou que por outra banda, as axudas a empresas pequenas, “beneficiaría a aquelas ubicadas nos municipios de menos de 20.000 habitantes, afectadas ou non polo peche obrigatorio decretado polo estado de alarma, con menos de 10 traballadores e facturación anual inferior a un millón de euros”.

Gómez tamén acusou ao Partido Popular e Democracia Ourensana de “vender falacias en prensa” e defendeu que “os socialistas non estamos de acordo nas axudas aos autónomos, senón na forma nas que se concederon, de xeito ilegal, avisando aos afíns antes de que as bases estiveran publicadas e pola porta de atrás buscando beneficiar a uns autónomos por riba doutros”, antes de lembrar que “non hai ourensáns de primeira e de segunda como tratan de vender vostedes cada vez que levan a cabo algunha subvención ou axuda”.

A Deputación de Ourense ten “a obriga” de actuar con “celeridade e equidade” ante a “escasa ou nula capacidade” dos pequenos concellos para atender ás demandas de autónomos, autónomas e empresas dos seus territorios, explican dende o PSdeG-PSOE de Ourense no ente provincial. “Se a Deputación de Ourense se define como o concello dos concellos, é preciso que actúe como tal e faga aínda maiores esforzos coas entidades locais”, apuntan os socialistas, que tamén subliñan que a institución provincial “debe traballar para que o seu paraugas de protección nos municipios de Ourense non sexa menor ao que recibirán os afectados e afectadas da cidade, que prevé destinar 20 millóns para este tipo de subvencións”.

O bipartito provincial tamén boicotea a compatibilidade de Villarino

O pleno ordinario da Deputación de Ourense comezou coa votación para a autorización o deputado provincial e voceiro dos socialistas, Rafael Rodríguez Villarino para compatibilizar o exercicio do seu cargo en réxime de dedicación exclusiva co desempeño a tempo parcial do posto de traballo de profesor asociado T3 P% na Universidade de Vigo. Partido Popular e Democracia Ourensana nun claro exercicio de “capricho e pataleta política” votaron en contra, a pesar de que todos os informes corroboraban a total legalidade para compatibilizar ambas legalidades.

Rafa Villarino acusou a PP e DO de tomar esta decisión como “unha vinganza política contra a miña persoa” e denunciou a “campaña de desprestixio e persecución contra a miña persoa, que se culmina hoxe con este voto en contra”, antes de alertar que “buscarei as medidas legais oportunas para que esta autorización se leve a cabo, xa que é totalmente legal”. Villarino explicou que o motivo de ampliar as horas de docencia na Universidade foi “o finamento dun compañeiro, polo que o resto de mestres do departamento tivemos que repartirnos a súas horas” e acusou o bipartito de “non ter en conta as circunstancias excepcionais e pensar tan só en personalismos”.

O pleno tamén aprobou o inicio de expediente para o outorgamento, a título póstumo, da distinción honorífica de Fillo Adoptivo da Provincia de Ourense ao insigne director, produtor e guionista de cine, José Luis Cuerda. Esta solicitude foi proposta polo PSdeG-PSOE de Ourense polos “extraordinarios e evidentes méritos en beneficio de Ourense”.