O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA O USO PARTIDISTA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE OURENSE (CEO) POR UNHA PRESIDENTA ERIXIDA EN BRAZO EXECUTOR DO BALTARISMO
Os socialistas manifestan que que a súa confianza “na imparcialidade, e polo tanto na capacidade de criterio desta representante empresarial, carece de fundamento”
Lémbranlle a Marisol Novoa que o Código Ético da CEO establece que esta organización actuará “con plena independencia de calquera poder público, partido político ou axente económico e social”
Ourense, 1 de agosto de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o uso partidista da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) por unha presidenta erixida en brazo executor do baltarismo. Dende que os socialistas destaparon as filtracións, as irregularidades e o clientelismo das axudas a autónomos argalladas polo baltarismo no seo da Deputación, diversas figuras públicas obviaron estes abusos e, en lugar de procurar a equidade e a legalidade no uso dos fondos públicos, optaron por colaborar con esta facción do PP nun ataque contra o PSdeG-PSOE e o seu Secretario Provincial, Rafael Rodríguez Villarino.
Una delas é a actual Presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), Marisol Nóvoa, a quen se dirixiron tanto o sinalado Secretario Provincial como o Secretario de Organización do PSdeG-PSOE, Juan Carlos Francisco Rivera, na propia sede da CEO, para explicarlle as razóns que xustificaban a posición do PSdeG-PSOE de Ourense respecto das axudas a autónomos da Deputación.
A día de hoxe, o PSdeG-PSOE de Ourense manifesta que a súa confianza “na imparcialidade, e polo tanto na capacidade de criterio desta representante empresarial, carece de fundamento”
Unha das causas é que na sinalada reunión non se atopou receptividade por dilucidar se as axudas eran ou non legais, ou se se filtraron a empresarios “amigos”. En lugar de preocuparse, amosou indiferenza e ata puxo en tela de xuízo o interese respecto de tan relevantes temas.
Tal postura resultou acorde cunha campaña electoral onde o único argumento do PP de Ourense foi atacar nos medios a quen tivo a “ousadía” de “preguntar” se as axudas a autónomos da Deputación eran legais, omitindo dar resposta ao fondo do asunto: o amiguismo, a competencia e a carencia de fundamento legal. “Prohibido preguntar”, ou “preguntar é un ataque a Ourense” foron, e seguen a ser, as proclamas coas que pretende fuxir da súa responsabilidade o PP de Baltar.
En ausencia de argumentos, o PP baltarista optou por dúas vías de acción: as coñecidas como “matar ao mensaxeiro” e “a mellor defensa é un ataque”. Así, Manuel Baltar e a súa grea de afíns e colaboradores embulleiraron o campo político acusando ao PSdeG-PSOE e ao seu Secretario Provincial de seren “anti-Ourense”, “anti-autónomos”, “traidores”, “miserables”, e un longo etcétera de insultos e calumnias. Inaudito nun estado de dereito. Normal, nun PP de Ourense onde a lei sempre foi anatema.
O Partido Popular tamén atacou a liberdade de expresión do Secretario Provincial do socialismo ourensán, formulando denuncia por 3 tuits na Xunta Electoral de Zona, pretendendo dirixilo ao ámbito penal. Nin máis, nin menos. Tal era a magnitude do seu “delito». Como é natural, a Xunta Electoral Provincial evidenciou a desmesura desa proposta, e devolveu o expediente á Xunta Electoral de Zona.
Pois ben, a estrañeza tornouse en incredulidade, e logo en indignación ao coñecerse quen era a vogal designada polo PP na Xunta Electoral de Zona: a mesma que pediu que se encausara a Rafael Rodríguez Villarino ante un tribunal penal, Marisol Nóvoa Rodríguez, Presidenta da CEO.
O Código Ético da CEO establece que esta organización actuará “con plena independencia de calquera poder público, partido político ou axente económico e social”. Vista a posición e actuacións da presidenta desta entidade, non semella que estea a respectar a base deontolóxica da mesma.
O PSdeG-PSOE en xeral, e o seu Secretario Provincial en particular, considéranse afectados -de modo inxusto e insidioso- polo proceder dunha presidenta da CEO que actúa coma se fora emisaria política do Manuel Baltar, en troques de defender os intereses dos seus representados, da sociedade ourensá e da lei.
Por elo, as persoas que integramos o partido socialista en Ourense manifestamos, publicamente, o noso malestar con esta dirixente, e avogamos por figuras empresariais que representen á CEO dende unha óptica que aspire a ser útil, plural, ética, legal e políticamente neutral.