INCENDIOS Xunta

O PSdeG esixe á Xunta que active o decreto de axudas ante a desfeita dos incencios en Ourense

O PSDEG-PSOE ESIXE Á XUNTA QUE ACTIVE O DECRETO DE AXUDAS PARA PALIAR A SITUACIÓN DE EMERXENCIA VIVIDA COS INCENDIOS NOS CONCELLOS DE MONTERREI E CUALEDRO

Juan Carlos Francisco cualifica de “catastrófico” e “desolador” o sucedido, polo que insta á Xunta a cambiar radicalmente a súa política contra incendios e pide investir en labores de prevención e limpeza

Rexistrará no Parlamento unha batería de iniciativas en relación cos incendios no sur da provincia de Ourense ao longo das últimas semanas, incluída a comparecencia do Conselleiro do Medio Rural

Ourense, 6 de agosto de 2020. O PSdeG-PSOE esixe á Xunta de Galicia que active de inmediato o decreto de axudas para paliar a importante situación de emerxencia vivida nos municipios de Monterrei e Cualedro, logo dos incendios forestais que asolaron esta zona da provincia de Ourense nas últimas semanas. “Estamos ante o maior e máis grave incendio de España no que vai de ano, pero estamos tamén ante un goberno de Núñez Feijóo silente que mira cara outro lado”, denuncian.

O deputado no Parlamento de Galicia, Juan Carlos Francisco Rivera, insta á Xunta a “cambiar radicalmente a súa política contra os incendios e pide investir en labores de prevención e limpeza de montes”. Só no Concello de Monterrei os danos materiais alcanzarían, nunha primeira estimación, a cantidade de 1.800.000 euros, advirte.

Despois de reunirse con veciños e veciñas afectados e comprobar in situ os estragos causados polos lumes, o parlamentario cualifica como “catastrófico” e “desolador” o ocorrido nas localidades da Salgueira, Flariz, Medeiros e, especialmente, en San Cristóbal, con importantes danos en viñedos, cultivos agrícolas, plantacións de castiñeiros, naves, valados ou infraestruturas públicas, entre outros.

Juan Carlos Francisco compartiu a “fartura” da veciñanza ante feitos catastróficos que “como unha condena bíblica” arrasan a comarca ano tras ano, polo que empraza á Xunta a “cambiar radicalmente” a concepción que ten do medio rural en Galicia, particularmente en Ourense.

“Non é unha cuestión unicamente de incendiarios, como pretende xustificar o goberno de Núñez Feijóo”, advierte antes de alertar que en realidade “son causas máis estruturais que teñen que ver co abandono do rural e o envellecemento poboacional que actúan como vectores indiscutibles do estado dos montes nesta provincia e, en consecuencia, dos incendios” reiterados. “Hai que ordenar o territorio e hai que potenciar que a xente viva no rural, e iso esixe servizos públicos e emprego”, insiste.

Francisco Rivera insiste na necesidade de cambiar radicalmente a política de incendios da Xunta: “se no canto de gastar máis 170 millóns anuais en apagar lumes gastámolos en limpar montes, ademais de crear emprego e fixar poboación, evitaríamos estas catástrofes”. “É inconcibible que se siga reforestando o noso territorio con piñeiros e eucaliptos, causantes dos grandes incendios, e que non se faga con especies autóctonas (castiñeiros, carballos…), polo que esiximos á Xunta un cambio inmediato na xestión forestal”, indica.

O parlamentario autonómico avanza que rexistrará no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas en relación cos incendios sucedidos no sur da provincia de Ourense ao longo das últimas semanas, incluída a comparecencia do Conselleiro do Medio Rural.