INCENDIOS Xunta

Esiximos á Xunta un maior número de axentes forestais na provincia

O PSDEG-PSOE DEMANDA A NECESIDADE URXENTE DA REORGANIZACION DE INVESTIGADORES FORESTAIS EN OURENSE PARA DETERMINAR AS CAUSAS DOS INCENDIOS E FACER A PREVENCION AXEITADA

“Ourense é a provincia galega que recolle o 50% dos lumes que se producen na comunidade cada ano e é a provincia con menos axentes investigadores”, dicen desde APARAFOGA

“A clave na prevención de incendios é a investigación e dende a Xunta durante anos produciuse un desleixo tanto en investigación como en prevención e políticas forestais profesionais”, destaca Marina Ortega

Ourense, 6 de agosto de 2020. A deputada socialista no Parlamento Galego, Marina Ortega, mantivo esta mañá un encontro con Rafael Cudeiro López, representante da asociación de axentes forestais de Galicia (APARAFOGA) onde se puxeron de manifesto as necesidades e demandas que o colectivo ven reclamando cada ano á Xunta de Galicia non só durante a época de incendios, senón durante todo a ano tanto en tarefas de investigación como en prevención.

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense trasládanlle á Xunta a necesidade da reorganización e coordinación dos técnicos investigadores de incendios forestais en Ourense e a necesidade de profesionalizar o servizo  con técnicos cualificados para poder determinar as causas de cada incendio e facer a prevención en base a elas en cada territorio. Unha reorganización que pasaría por dotar a BIIF –Brigada de investigación de incendios forestais– cun número superior de axentes profesionais.

Esta investigación é unha das claves para poder facer a prevención axeitada, segundo lle fixeron saber dende APARAFOGA aos socialistas, xunto con poñer unha “solución ao abandono do medio rural de xeito urxente”. Na actualidade, Ourense conta soamente con 4 investigadores funcionarios, un por cada distrito ou incluso 0 no caso do distrito do Ribeiro-Arenteiro, cando o ratio normal sería ente 2 e 3 axentes en cada un.

Os socialistas poñen en relevancia o desleixo dos gobernos autonómicos do Partido Popular de Feijóo coas políticas forestais e, especialmente, coa provincia ourensá que ano tras ano se ve lacrada pola vaga de lumes mentres dende as institucións miran cara outro lado. Un dato importante, segundo explicou Rafael Cudeiro, é que o 50% dos incendios de toda España se producen en Galicia e dentro da comunidade o 50% prodúcense na provincia de Ourense. Por elo hai unha necesidade pericial para que se reorganicen aos axentes investigadores na terceira provincia galega dado que conta con menos inversión mentres que é a máis perxudicada.