POLÍTICA PROVINCIAL Política municipal

O PSOE insta ao BNG a “abandonar contos de ciencia ficción” sobre a moción de censura en Castrelo de Miño

OS SOCIALISTAS INSTAN AO BNG A “ABANDONAR CONTOS DE CIENCIA FICCIÓN” EN CASTRELO DE MIÑO AO ACUSAR AO PSDEG-PSOE DE IMPULSAR UNHA MOCIÓN DE CENSURA

“Os nacionalistas deberían deixar de inventar unha realidade paralela e centrarse en fortalecer ás forzas progresistas para facer fronte ao caciquismo do PP desde a unión e o respecto mutuo”, aseguran

“Estamos ante un caso de transfuguismo” impulsado polo “mercado caciquil do baltarismo”, o que converte a dous edís en “traidores á democracia, ao progreso, ao PSOE e á veciñanza”, recalcan

Ourense, 7 de agosto de 2020. O PSdeG-PSOE insta ao BNG a “abandonar os contos de ciencia ficción” cos que se están a “envolver” en Castrelo de Miño, ao acusar aos socialistas de impulsar unha moción de censura co PP contra o actual rexedor, mediante panfletos e mensaxes nas redes sociais que distorsionan a realidade. “Os nacionalistas do BNG deberían deixar de inventar unha realidade paralela que non existe e centrarse en fortalecer a todas as forzas progresistas do municipio para facer fronte ao caciquismo do PP desde a unión e o respecto mutuo”, sinalan.

“O sucedido en Castrelo de Miño é unha situación absolutamente anómala que os socialistas condenamos con rotundidade, polo que reclamamos tamén ao BNG que deixe de acender o ventilador contra as forzas de esquerdas e que se poña a traballar arreo para que nas vindeiras eleccións locais, os nacionalistas non volvan a perder dous concelleiros da bancada progresista, como pasou nos comicios municipais de 2019”, aseveran.

A voceira do grupo municipal, Catalina González, denuncia a “manifesta inxustiza desta campaña de desprestixio” polo que reclama “respecto” aos nacionalistas, xa que “a unión de todas as forzas de progreso é fundamental para que Castrelo de Miño siga a ser un concello libre do caciquismo do PP e de Manuel Baltar”. “Debe cumprirse a vontade do pobo e a corporación municipal debe respectar o que decidiron democraticamente as urnas”, insiste antes de advertir que “manipular a realidade con estas mentiras tamén prexudica a democracia”.

A agrupación municipal socialista deste municipio ourensán e o PSdeG-PSOE provincial xa expresaron o seu apoio ao pacto de goberno co BNG e ratifican novamente que están en contra de calquera moción de censura ou posible pacto co PP, un partido “acomodado na corrupción, no caciquismo e na mentira”, polo que advirten que que “iremos ata o final para rematar con este mercadeo de votos a cambio de favores públicos que nos abochorna aos demócratas”.

Desde o PSdeG-PSOE sinalan, unha vez mais, que Jaime Fontanes e Francisco Pérez “non forman parte do partido desde o mesmo momento no que asinaron esta deplorable moción de censura”. Así mesmo recordan que xa levaron este caso ante a comisión antitransfuguismo e que xa lles esixiron aos dous edís tránsfugas que abandonen o pleno e devolvan as súas actas por “converter a política nun esperpento” e por “respecto á veciñanza e á democracia”.

“Estamos ante un caso evidente e absolutamente indiscutible de transfuguismo político” impulsado, unha vez máis, polo habitual “mercado caciquil do baltarismo baseado na compra de vontades desde a Deputación de Ourense”, o que ven de converter a estes dous edís en “traidores ao progreso, ao Partido Socialista e a todos os veciños e veciñas de Castrelo de Miño”.