Política municipal Socialistas

Castrelo de Miño rexeita indignado a moción de censura do PP con dous edís tránsfugas

Castrelo de Miño/Ourense, 11 de agosto de 2020. A veciñanza de Castrelo de Miño rexeitou indignada a moción de censura impulsada polo PP de Baltar neste concello ourensán, onde os conservadores son unha forza minoritaria que nas últimas eleccións só acadou tres edís fronte aos seis concelleiros logrados polos partidos progresistas PSdeG-PSOE e BNG.

Pero o PP, unha vez máis, pervertiu a democracia tras negociar con dous concelleiros tránsfugas, Jaime Fontanes e Francisco Pérez, que concorreran aos comicios cos socialistas e que agora votaron a favor dunha “moción de censura ilexítima” para levar ao PP ata alcaldía. “Debe cumprirse a vontade do pobo e a corporación municipal debe respectar o que decidiron democraticamente as urnas”, insisten desde o PSdeG que xa deu traslado dos feitos á comisión antitransfuguismo. Así mesmo e xa antes de botalos da formación, os socialistas esixiron aos dous edís tránsfugas que abandonen a corporación municipal e devolvan as súas actas por “converter a política nun esperpento” e por “respecto á veciñanza e á democracia”.

“Estamos ante un caso evidente e indiscutible de transfuguismo” impulsado, unha vez máis, polo habitual “mercado caciquil do baltarismo baseado na compra de vontades desde a Deputación de Ourense”, o que ven de converter a estes dous edís en “traidores ao progreso, ao Partido Socialista e a todos os veciños e veciñas de Castrelo de Miño”, conclúen desde o PSdeG-PSOE.