Concello de Ourense Denuncias

A xestora do PSOE na cidade pídelle ao PP que se desculpe e pase á oposición

A XESTORA DO PSDEG-PSOE DE OURENSE PIDE AO PP QUE SE DESCULPE POLO PACTO DA INDIGNIDADE E PASE Á OPOSICIÓN NA CIDADE: “VILLARINO ENCABEZOU A LISTA MÁIS VOTADA E NESTE CAOS É O ALCALDE LEXÍTIMO”

O presidente da xestora, o deputado Pérez Abellás, salienta que “o PP ten que explicar os seus intereses ocultos na cidade” e, como sinalou Rafa Villarino, “fronte ao PP os socialistas somos a alternativa de goberno para Ourense”

Ourense, 29 de agosto de 2020. A xestora do PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a situación de esperpento e letalidade na que o pacto de Feijóo, Baltar e Jácome meteu á cidade, e sinala que “o PP debe desculparse e pasar á oposición”. O presidente da xestora, Adolfo Pérez Abellás, recorda que “o PSOE foi a lista máis votada nas municipais” e que Villarino “é o alcalde lexítimo que gañou as eleccións”.

Pérez Abellás considera que o PP ten que explicar que intereses ocultos ten na cidade de Ourense para “facer un pacto da indignidade e letal para Ourense, e por que a día de hoxe segue defendendo ese pacto”. “O PP de Ourense ten intereses ocultos e debería explicar que acordo quere agora cos díscolos de Jácome para seguir profundizando no caos da cidade”, sinala o presidente da xestora e deputado no Congreso.

Pérez Abellás sinala que “o interese da cidade ten que estar por riba de calquera interese persoal” e que os socialistas “sabemos entender que na situación extrema de Ourense hai que dialogar con todos, pero que o PP debe asumir a súa responsabilidade e pasar á oposición”. Así mesmo, sinala que corresponderá aos órganos do partido establecer a liña de acción para acadar unha solución ante este caos, polo que sinala que o voceiro municipal acerta na cautela á hora de falar de posibles acordos á vez que na firmeza de descartar gobernos cun PP que xerou os problemas.

A xestora política local en Ourense sinala que o partido actuará de acordo ás liñas de acción establecidas polos órganos do partido e informará de calquera cuestión relevante ao grupo municipal.