Concello de Ourense INICIATIVAS

Apostamos pola posta en valor do complexo cultural de San Francisco de Ourense

O PSDEG-PSOE DE OURENSE SOLICITA UNHA SALA DE ESTUDIO CON APERTURA CONTINUA NA BIBLIOTECA NÓS E A POSTA EN VALOR DO COMPLEXO CULTURAL DE SAN FRANCISCO

Esta medida permitiría dispoñer, nas circunstancias actuais, de ata un total de 250 postos de lectura, distribuídos entre as distintas plantas, como resposta á demanda de estudantes e opositores da cidade

Os socialistas destacan que se trata dun “espazo cultural de referencia” na cidade, pero precisa da “necesaria atención e dotación complementaria de servizos” por parte do Concello de Ourense

Ourense, 30 de agosto de 2020.  O PSdeG-PSOE insta ao Concello de Ourense a iniciar as conversas coa Consellería de Cultura para a utilización das instalacións da Biblioteca Nós como sala de estudio e lectura, fóra do horario de apertura habitual da mesma, asinando un convenio para tal fin.

Os socialistas sinalan que aínda que a Biblioteca Nós é de xestión autonómica, desde o Concello de Ourense pódese chegar a un acordo coa Consellería de Cultura para a dotación dunha sala de estudio no edificio (seguindo o modelo xa aplicado noutras bibliotecas públicas, como a de Gaiás, en Santiago de Compostela,  e Juan Compañel, en Vigo), con absolutas garantías de mantemento das esixencias actuais de seguridade e hixiene.

Concretamente, en condicións normais, a Biblioteca Nós dispón dun total de 476 postos de lectura en mesas, distribuídos por todo o edificio e, nas condicións actuais, gardando unha distancia persoal de 2 metros, serían arredor de 250 postos distribuídos en distintas plantas, os que poderían abrirse en función da demanda. 

Desde o Grupo Municipal Socialista explican que xa presentaran, a finais do pasado ano, unha moción solicitando a “procura de alternativas” para que Ourense deixara de ser a “única cidade galega sen unha biblioteca pública ou sala de estudio abertas os sete días da semana”.

Unha iniciativa que non se levou a cabo e que ten máis cabida aínda neste momento, debido á situación actual, derivada da necesidade de asunción de medidas de prevención, como consecuencia da epidemia do coronavirus, e que obriga á procura de amplos espazos que garantan o necesario distanciamento social, algo fundamental para á cidade de Ourense, tendo en conta o gran volume de estudantes e opositores.

O Goberno de España, na súa decidida aposta pola Cultura desta cidade, contribuíu a darlle un pulo definitivo ao complexo de San Francisco, coa inauguración, a finais do pasado mes de decembro, da nova Biblioteca Pública, que se sumará, en breve, á do Arquivo Histórico de Ourense, na nova sede renovada do antigo convento de San Francisco.

Ambas dotacións, sumadas ao Auditorio Municipal e a Escola Municipal das Artes Escénicas e Música de Ourense, permitirán conformar un “espazo cultural de referencia” na cidade, que precisa da “necesaria atención e dotación complementaria de servizos” por parte do Concello de Ourense, en varios aspectos que desde o Grupo Municipal Socialista consideran básicos, como é o “acondicionamento e dotación do aparcadoiro público do Auditorio Municipal e de entrada ao Claustro de San Francisco”, ademais de “aumentar as liñas de autobuses”, con parada na zona, e reforzar as existentes.

Asemade, os socialistas lembran a importancia, desde o punto de vista simbólico, da aprobación da denominación como Praza da República ao espazo situado entre os citados edificios, e que segue pendente da súa oficialización por parte do Concello pese as reiteradas ocasións nas que se aprobou, durante este mandato e o anterior.

Desde o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense solicitan tamén a dotación dun servizo de cafetería no recinto, tal e como estaba contemplada polos arquitectos no proxecto inicial do recinto, así como dunha fonte pública de auga na praza.