O PSDEG-PSOE DE OURENSE PROSEGUE COAS SÚAS LABORES DE ASESORAMENTO E INFORMACIÓN AO COLECTIVO DE RETORNADOS DE ALEMANIA SOBRE A PENSIÓN BÁSICA ALEMÁ
A secretaría provincial de Emigración edita un vídeo informativo onde se explica o sistema da pensión básica alemá, un mínimo de pensión a xubilados con escasos ingresos
Esta pensión básica entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2021 á cal teñen dereito as persoas residentes en España que perciban unha prestación de xubilación alemá
Ourense, 31 de agosto de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense continúa coa súa labor de asesoramento e de proporcionar información ao colectivo de emigrantes retornados de Alemania sobre a pensión básica alemá. A secretaria provincial de emigración edita un novo vídeo informativo onde se explica o sistema da pensión básica alemá, un mínimo de pensión a xubilados con escasos ingresos. Esta pensión básica entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2021 á cal teñen dereito as persoas residentes en España que perciban unha prestación de xubilación alemá. Pode alcanzar un complemento máximo de 400 euros ao mes a maiores da pensión de xubilación.
Esta pensión básica ten por obxectivo mellorar a situación das persoas con pensións baixas e garantir que teñan dereito a unha seguridade básica na vellez. Desde o organismo pagador, Deutsche Rentenversicherung, estímase que ao redor de 1,5 millóns de persoas terán dereito a esta pensión básica, principalmente mulleres que traballaron a tempo parcial e en empregos moi mal renumerados.
O colectivo de emigrantes retornados de Alemaña pode tamén beneficiarse desta nova medida, dado que os pagos tamén se efectuarán fóra do país xermano a condición de que as persoas cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser perceptor dunha pensión do estado alemán (xubilación, viuvez, orfandade, incapacidade ou invalidez).
b) Ter mínimo 33 anos cotizados na seguridade social en Alemaña. Se non se alcanza o mínimo tense en conta o tempo cotizado en España. Esta información solicitaraa Deutsche Rentenversicherung de oficio á Seguridade Social española.
Os futuros beneficiados non teñen que facer ningún trámite. A propia Seguridade Social xermana porase en contacto coas persoas seleccionadas que terán que enviar unha copia da declaración da renda para calcular o nivel de ingresos. Inicialmente para os que fagan declaración da renda individual o límite de ingresos está establecido en 1250 euros ao mes, os que fagan declaración conxunta 1950 euros. Ter pensión española a maiores non é motivo excluínte, terase en conta na valoración como os intereses bancarios. As propiedades urbanas e rústicas non entrarán no cálculo da pensión básica.
Con todo, os asegurados deben estar preparados para o feito de que só recibirán o seu complemento de pensión máis adiante. A razón é principalmente a alta carga administrativa que leva a comprobación de ingresos. A Deutsche Rentenversicherung asume que os novos pensionistas recibirán inicialmente a pensión básica a partir de mediados de 2021, e por suposto, retrospectivamente desde xaneiro. Para as persoas que xa están xubiladas a data de hoxe a concesión pódese atrasar aos primeiros meses de 2022, pero con dereito a cobrar os atrasos desde o 1 de xaneiro de 2021.