INICIATIVAS Política social

Reclamamos a erradicación da explotación e a trata sexual

O PSDEG-PSOE DE OURENSE SÚMASE AO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A EXPLOTACIÓN SEXUAL E A TRATA FACENDO UN CHAMAMENTO A “ERRADICAR POR COMPLETO” A PROSTITUCIÓN

Rafa Villarino fixo un chamamento “a rematar cunha lacra dunha pandemia que dura anos e non debería existir” e avogou por un futuro onde prime “a igualdade e o respecto para unha sociedade mellor”

Zaida Rodríguez subliñou que os socialistas “posicionámonos radicalmente a carón das vítimas e en contra do negocio do sexo, que se nutre do sufrimento e da explotación das mulleres, nenas e nenos”

Ourense, 23 de setembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou hoxe 23 de setembro un pequeno acto reivindicativo con motivo do Día Internacional contra a explotación sexual e a trata de mulleres, nenas e nenos. Esta práctica, estendida por todo o mundo, é, segundo os socialistas “unha manifestación extrema da desigualdade das mulleres e da súa pobreza na nosa sociedade”. O acto que tivo lugar na ribeira do río Miño contou coa presenza do secretario provincia, Rafael Rodríguez Villarino; a secretaria de igualdade da executiva provincial, Zaida Rodríguez; a xefa de da unidade provincial de violencia sobre a muller, María Alida Iglesias; e concelleiras e concelleiros do grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, ademais dunha representación das Xuventudes Socialistas.

Segundo datos de Nacións Unidas e da Unión Europea, as mulleres e as nenas representan o 71% das vítimas de trata detectadas en todo o mundo e o 80 % das identificadas en Europa occidental; o 95% delas acaban explotadas para a prostitución. A explotación sexual é a forma máis común de explotación (59%) seguida do traballo forzado (34%). As mulleres, ademais, atópanse entre as máis afectadas pola pandemia. Compartimos o chamamento de Nacións Unidas para que a resposta ao COVID-19 e a recuperación posterior a nivel mundial asignen un lugar prioritario á dignidade humana e os dereitos humanos. Debemos redobrar os esforzos para protexer ás vítimas da trata e evitar que as persoas vulnerables sexan explotadas.

A secretaria de igualdade da executiva provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Zaida Rodríguez Camba, aproveitou o acto para “recoñecer” o traballo de organizacións e colectivos que “seguen prestando servizos vitais durante a crise, localizando ás vítimas e axudándoas a ter acceso á xustiza, a saúde e a asistencia e protección sociais, e evitando que se produzan máis actos de abuso e explotación”. Rodríguez Camba tamén subliñou que os socialistas “posicionámonos radicalmente a carón das vítimas e en contra do negocio do sexo, que se nutre do sufrimento, da explotación das mulleres, nenas e nenos máis vulnerables, violando todos os seus dereitos”.

Pola súa banda, o voceiro provincial dos socialistas ourensáns, Rafael Rodríguez Villarino fixo fincapé na “firme vontade” do PSdeG-PSOE de Ourense de que a trata “se converta en algo propio do pasado no menor tempo posible” e valorou como “negativo” que a sociedade, en pleno século XXI, “siga asistindo perplexa a casos de explotación e trata sexual”. Villarino tamén subliñou que na época da pandemia e segundo información de ONGs “esta situación agudizouse” e afirmou que “os socialistas pronunciámonos para acabar con esta lacra dunha pandemia que dura anos e non debería existir”.

O voceiro provincial tamén avogou por un futuro que “pasa pola igualdade, o respecto as persoas máis vulnerables da sociedade, que son as que están a ser explotadas e enganadas polas mafias, aproveitándose das súas situacións”. Rodríguez Villarino apostou pola “rehabilitación e as axudas”, como os camiños que “nos permitirán saír deste fenómeno e converternos nunha sociedade máis avanzada, progresista e libre das redes de opresión”.

O PSdeG-PSOE de Ourense definiuse reiteradamente abolicionista da prostitución e defende un modelo social que loite pola desaparición das causas que obrigan ás mulleres para prostituírse, por ser incompatible co modelo social que propoñemos, de igualdade, de respecto á dignidade das persoas, e de defensa dos dereitos humanos das mulleres. “A igualdade entre mulleres e homes continuará sendo inalcanzable mentres se compren, vendan e exploten a mulleres, nenas e nenos, prostituíndoos”, apuntan os socialistas, que tamén apuntan que os estudos e as experiencias noutros países “indícannos que alí onde se regularizou a prostitución aumentou a trata”. Por tanto para combater a trata de mulleres, nenas e nenos con fins de explotación sexual de maneira efectiva hai que acabar coa prostitución. Sen prostitución, non hai trata.

“As e os socialistas traballaremos para abolir a prostitución e erradicar a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, defender a dignidade das mulleres e terminar coas redes e as mafias que se lucran explotando ás mulleres, nenas e nenos”, explicou Zaida Rodríguez que tamén lembrou que “debemos protexer e asistir ás vítimas, cooperar cos países de orixe e concienciar á cidadanía de que é un comercio ilícito e unha forma de escravitude”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense lembran tamén o traballo do Goberno central nos últimos meses dirixido a aprobar a Lei integral contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual e contra a prostitución. Un debate que os socialistas levaron o Congreso, onde foi aprobada a proposta e lembran as palabras da voceira socialista no Congreso e Vicesecretaria Xeral, Adriana Lastra: «No es posible un país en igualdad mientras convivamos de manera normalizada con violaciones de derechos humanos en las carreteras, los parques, los polígonos y los pisos”.