concellos INICIATIVAS

Os socialistas de Pereiro en loita pola recuperación da Ruta dos Muíños

O PSDEG-PSOE DE PEREIRO PROPÓN A RECUPERACIÓN DO PATRIMONIO ETNOGRÁFICO DA RUTA DOS MUÍÑOS DO RÍO LOÑA POLO SEU ALTO VALOR PATRIMONIAL E NATURAL

A ruta dos Muíños conta cun rico valor forestal dada a ampla variedade de árbores autóctonas e cun patrimonio popular herdado da Idade Media con preto de 13 muíños que precisan a súa rehabilitación

O voceiro socialista, Jorge Gutiérrez, relata que a posta en valor desta ruta, “rica tanto a nivel patrimonial como medio ambiental”, suporía “a promoción deste roteiro”, permitindo á poboación e aos visitantes “achegarse e desfrutar do medio rural e as súas vantaxes”

Pereiro de Aguiar, 24 de setembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar propón a recuperación do patrimonio etnográfico da coñecida como “Ruta dos Muíños”, no río Loña e que percorre os municipios de Pereiro e Nogueira, dende o encoro de Cachamuíña ata Armariz, pasando por Loñoá, Veiga de Abaixo, Santa Marta ou A Derrasa, entre outros lugares. Os socialistas consideran que esta ruta ten un “alto valor patrimonial e natural” e avogan pola recuperación dos muíños e as pontes existentes, así como outras melloras en toda a ruta, coa construción de pasarelas de madeira integradas medio ambientalmente na contorna, a realización de escaleiras e ramplas nalgúns puntos con problemas de acceso e recuperar tamén as áreas recreativas existentes, dotándoas do correspondente mobiliario, como papeleiras e fontes nas que poder beber.

A posta en valor deste patrimonio histórico e medioambiental da ruta permitirá, en palabras dos socialistas “promocionar e dar a coñecer aínda máis este roteiro, permitindo á poboación do municipio e visitantes achegarse á natureza e coñecer o seu rico patrimonio etnográfico”. O voceiro socialista, Jorge Gutiérrez, considera que nos tempos que corren “a demanda de uso eco-recreativo do campo está en crecemento” e apunta que “coa recuperación da Ruta dos Muíños, satisfaríamos a devandita demanda, convertendo este percorrido nun referente do noso Concello, do que non só se beneficiarían os veciños e veciñas, senón que nos permitiría atraer turistas que se achegarían a desfrutar do medio rural e as súas vantaxes”.

Dende o Grupo Municipal Socialista lembran que esta iniciativa “non é nova” e que dende o ano 2009, levan presentando propostas para a recuperación desta ruta polo río Loña e a mellora do saneamento das poboacións dos arredores. “O tempo amosounos que recuperar esta ruta e o seu patrimonio cultural, paisaxístico e etnográfico é clave do desenvolvemento do territorio”, explica Gutiérrez, que tamén apunta que o Concello “desaproveitou máis dunha década en recuperar esta ruta” e avoga porque o grupo de goberno do Partido Popular “se comprometa a subscribir cos propietarios dos muíños, os convenios de cesión, así como, as actuacións e xestións que sexan pertinentes con outras administracións, para financiar ou á procura de financiamento para executar ditos traballos”.

Homologar oficialmente o itinerario para a práctica de sendeirismo, co fin de dalo a coñecer a un maior público e elaborar un manual de estilo de sinalización e elementos auxiliares de carreiros e camiños en Pereiro de Aguiar é outra das “necesidades” que os socialistas ven nestes intres e consideran que sería “unha ferramenta básica de referencia para xestionar as actuacións de sinalización que van ser instaladas nestes espazos”. Dende o PSdeG-PSOE de Pereiro consideran “clave” a regulación e uso das sinalizacións, conservar a calidade das contornas e transmitir ao usuario seguridade á hora de percorrer estes circuítos, facéndolle accesible a interpretación da información que se lle comunica. “Temos que ter claro que hai que evitar a proliferación desmedida de sinais e o control do seu impacto visual sobre a paisaxe, sen menoscabo de proporcionar toda a información necesaria para facilitar o uso de forma segura dos camiños e sendas”, apunta o voceiro socialista.

A ruta dos Muíños do río Loña presenta unha ampla variedade forestal autóctona de castiñeiros, bidueiros, e salgueiros. Conta tamén cun importante patrimonio herdado da Idade Media, como son os muíños de auga que se conservan, ou dos que quedan só as súas ruínas. Segundo as fontes socialistas son preto de 13 construcións, case todas de dúas rodas, as que quedan aínda nesta ruta. No século XX, estes muíños funcionaban moendo millo ou centeo, pero a industrialización, a emigración e o éxodo ás cidades provocaron o seu abandono e nalgúns casos que se atopen nun estado ruionoso.