concellos INICIATIVAS

As socialistas de Punxín impulsan os servizos sociais e o transporte público

O PLENO DO CONCELLO DE PUNXÍN APROBA POR UNANIMIDADE AS INICIATIVAS DAS SOCIALISTAS PARA INSTAR Á XUNTA A AUMENTAR A APORTACIÓN AOS SERVIZOS SOCIAIS E APOIAR A PLATAFORMA POLA DEFENSA DO TRANSPORTE PÚBLICO

As socialistas amosáronse “críticas” co grupo de goberno municipal de PP e Ciudadanos por rexeitar unha iniciativa “vital para o municipio envellecido” como é elaborar un censo de persoas que viven soas

A voceira do PSdeG en Punxín, Lorena Peleteiro, alega que o voto en contra a Conta Xeral de 2019 é por “dúbidas de se houbera algunha irregularidade” e “polo ocultismo” por parte do goberno

Punxín, 24 de setembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Punxín celebra que o pleno do concello aprobase por unanimidade dúas mocións de “gran calado” para a veciñanza como son reforzar os servizos sociais, instando á Xunta de Galicia a incrementar a aportación orzamentaria para mellorar o servizo de atención á dependencia e axuda no fogar e amosar o apoio do plenario á Plataforma pola Defensa do Transporte Público do Carballiño. As socialistas consideran que a “precariedade” dos servizos sociais é manifesta e agradecen o apoio a súa iniciativa para que a Xunta aumente a actual aportación, que consideran “insuficiente, xa que non se actualizou dende o ano 2008.

Na moción sobre servizos sociais, as socialistas defendían que o ente autonómico debía asumir as súas competencias en materia orzamentaria, xa que segundo alertaban era unha carga económica, “inasumible” para os presupostos do Concello de Punxin. Dende o Grupo Municipal Socialista tamén denunciaban a precariedade das traballadoras na axuda do fogar, ante a falta de actualización por parte da Xunta que segundo relataron “provoca que perciban unha remuneración inferior á que marca o convenio colectivo”. A voceira socialista, Lorena Peleteiro, manifestaba ao remate do pleno a súa “satisfacción” pola aprobación desta moción e agarda que a Xunta “cumpra agora coas demandas dun municipio que precisa reforzar os seus servizos sociais nas condición actuais e que non conta cos recursos propios suficientes”.

No tocante a moción de apoio a Plataforma de Defensa do Transporte Público do Carballiño, dende o PSdeG de Punxín defenderon que este apoio debíase facer extensivo ao restablecemento dos servizos, así como o rexeitamento a supresión de máis liñas e o desmantelamento do servizo de transporte público na comarca e provincia. “Debemos loitar por un transporte público de calidade e que permita a veciñanza poder desprazarse dende o rural”, explicou Peleteiro, que subliñou tamén a importancia de “fomentar un transporte activo para que a xente non se vexa obrigada a fuxir do rural pola falta dun servizo esencial”.

PP e Ciudadanos tomban a aprobación dun censo para persoas soas

O PSdeG-PSOE de Punxín atopouse coa negativa do Partido Popular e Ciudadanos, ambas partes do grupo de goberno, a aprobar a elaboración dun informe e posterior censo para realizar un seguimento das persoas que viven soas. As socialistas esgrimía que o Concello, en colaboración cos servicios sociais municipal, debía realizar dito censo, para posteriormente, tendo en conta os resultados e coa colaboración doutras entidades, pór en marcha un plan municipal para realizar un seguimento periódico destas persoas.

A voceira socialista explica que o PP e CS argumentan que “xa existe un censo de persoas que viven soas”, pero segundo afirma Peleteiro “non sabemos se existe dito censo pois non nolo deixan consultar”. O grupo de goberno escúdase na protección de datos, algo que para as socialistas “deixa en evidencia que non existe un censo de persoas maiores que viven soas e tan só un listado das persoas que solicitan a atención dos servizos sociais ou que están en lista de espera”. Ante esta situación, o PSdeG do municipio esgrime “a falta de transparencia manifesta coa oposición unha vez máis por parte do goberno municipal de Punxín”.

Voto en contra da Conta Xeral de 2019

No pleno tamén se votou a aprobación da conta xeral de 2019 e dado que un concelleiro do Partido Popular non acudiu ao pleno, foi aprobada polo voto de calidade do alcalde. As socialistas votaron en contra o expoñer que “reina o ocultismo” e tras solicitar un informe de legalidade sobre un punto da conta, que lles foi denegado. “O alcalde negouse a facilitarnos dito informe alegando que a secretaria non ten obriga de facernos chegar información legal ao respecto”, explica Peleteiro.

Segundo afirman a Conta Xeral ofrecíalles as socialistas “dúbidas sobre a súa legalidade” e destacaban que ante “a posibilidade de que houbera algunha irregularidade e polo ocultismo manifestado, decidimos votar en contra”.