Deputación de Ourense INICIATIVAS

PP e Caride rexeitan apoiar á xuventude ourensá mentres aplauden gastar fondos da mocidade en excursións ao San Froilán

PP E O DEPUTADO DÍSCOLO DE DO NA DEPUTACIÓN DE OURENSE DESPREZAN Á MOCIDADE DA PROVINCIA E REXEITAN CREAR UNHA TARXETA MOZA E UN CONSELLO DA XUVENTUDE

O deputado, Diego Fernández, pediu “vontade, compromiso e altura de miras” a todos os grupos políticos e denunciou a «ausencia total» de accións para os mozos e mozas na institución e o desleixo da Xunta co seu carné xove

Ourense, 25 de setembro de 2020. O Goberno do PP de Manuel Baltar na Deputación de Ourense e o deputado díscolo de DO, Miguel Caride, desprezaron hoxe a toda a mocidade da provincia, ao rexeitar varias iniciativas conxuntas do PSdeG-PSOE e Xuventudes Socialistas a prol dos mozos e mozas. Unha moción reclamaba crear unha tarxeta moza e un Consello da Xuventude na Deputación de Ourense, tras “décadas negras de abandono da mocidade por parte do PP”. Os populares e o deputado díscolo de DO votaron en contra desta proposta evidenciando un “vergoñento desleixo” e un “absoluto desprezo” coa mocidade á que a deputación “nunca lle adicou nin un minuto”, recalcan os socialistas.

O deputado, Diego Fernández, aseverou que é preciso “dotarnos de ferramentas que permitan que a xuventude poida ser o motor do futuro e que permitan voltar aos que marcharon”. “Esta proposta ten un custe moi pequeno fronte a grandes beneficios que pode reportar”, polo que pediu “vontade, compromiso e altura de miras” a todos os grupos políticos da corporación porque “temos un futuro moi negro que debemos reverter entre todos”. O deputado recordou que “non hai ningún tipo de política na Xunta coa xuventude” e denunciou o “desleixo co carné xove” que está “totalmente desactualizado” e “case valeiro de contido”.

Esta iniciativa provincial impulsada conxuntamente coas Xuventudes Socialistas de Ourense, reclamaba crear esta ‘tarxeta moza’, para que as persoas de 14 a 26 anos residentes na provincia (estudantes de fóra residentes incluídos), poidan desfrutar de vantaxes no comercio local, cultura, ocio, espazos deportivos, servizos prestados polas entidades locais, taxas e impostos ou transporte público.

Fondos para mocidade que acabaron en excursións ao San Froilán

Así mesmo, Fernández defendeu o “evidente abandono” deste goberno provincial das súas responsabilidades e cuestionou o absurdo desenvolvemento real das poucas accións en materia de xuventude que executa a Deputación dos conservadores, o que evidenciou mostrando imaxes dunha excursión de adultos ás festas de San Froilán en Lugo, sufragada con fondos públicos que a institución provincial trasladou ao Concello da Peroxa para o seu investimento en accións mozas.

A iniciativa do PSdeG-PSOE tamén instaba á Deputación á constitución dun ‘Consello Provincial de Xuventude’, que colabore no desenvolvemento de políticas de mocidade, onde se teñan en conta as súas preferencias e que garanta a continuidade das actividades propias para este colectivo, xa que na actualidade non existe ningún órgano mozo, nin oficial nin extraoficial, de participación.