Concello de Ourense Política municipal

Amosamos a nosa preocupación pola celebración da San Martiño

O PSDEG-PSOE DE OURENSE AMOSA A SÚA “SERIA PREOCUPACIÓN” SOBRE AS MEDIDAS ADOPTADAS POLO ALCALDE DE OURENSE PARA A CELEBRACIÓN DA CARREIRA DO SAN MARTIÑO

Os socialistas consideran, que cos actuais datos de contaxios e a situación que vive a cidade cun barrio como O Couto con restricións, “non se dan as medidas oportunas para a disputa deste evento”

Os concelleiros socialistas presentes no Consello Municipal de Deportes, Wilson Jones e Borja López, critican que “co cambio de itinerario e formato, a San Martiño perde completamente a súa esencia”  

Ourense, 25 de setembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense amosa a súa “seria preocupación” sobre as medidas adoptadas polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, para a celebración da XLIV Carreira Pedrestre Popular do San Martiño. Os socialistas denuncian que se trata dunha decisión “persoal” do rexedor, que non tivo en conta as opinións do resto de forzas políticas presentes na última reunión do Consello Municipal de Deportes. Trala reunión, Jácome, a través do Concello, lanzaba unha nova aos medios na que informaba de que si se realizaría a carreira popular cun novo formato “adaptado á realidade”. Dende o Grupo Municipal Socialista afirman que a realidade actual de Ourense “é a do aumento de contaxios por coronavirus, a dun barrio con medidas de restrición activas como é o Couto” e que “non se compren as condicións idóneas para a disputa deste evento”.

O Consello Municipal de Deportes reuniuse este xoves e ante as preguntas do concelleiro socialista, Wilson Jones, sobre que decisión se adoptara con respecto a San Martiño, o alcalde manifestou que se disputaría, sen participación escolar e adaptada só para adultos. Ante a insistencia do socialista, o alcalde manifestou que tamén cambiarían o itinerario, que sería de 10 quilómetros polas ribeiras do Miño. “Chegou a afirmar que unha das opcións era subir a cota”, explica Jones, co único obxectivo “de restrinxir a participación para contar co menor número de corredores e evitar aglomeracións”.

Ante o anuncio de Jácome, os socialistas consideran que “se obvian os protocolos marcados polas autoridades sanitarias” e parece que o único fin e tal e como manifestou o propio alcalde na reunión do Consello Municipal de Deportes “de facer algo porque é mellor facelo que non facelo”. Para o Grupo Municipal Socialista esta decisión “é unha irresponsabilidade” e afirman que “o prioritario nestes momentos é a saúde e o benestar dos ourensáns”, nunha cidade que amosa cifras elevadas de contaxios por coronavirus.

A carreira pedestre popular do San Martiño, segundo informou o Concello en nota de prensa, terá este ano un formato diferente, cun percorrido de 10 quilómetros polas ribeiras do río Miño, con saídas escaloadas e grupos reducidos e só se permite a participación de adultos. “O cambio de formato e itinerario supón que a San Martiño perda por completo a súa esencia orixinal”, sinalan os concelleiros socialistas Wilson Jones e Borja López Trigás.

Os socialistas tamén denuncian que non hai previsión nestes momentos de medidas sanitarias e de seguridade para que a carreira se poida disputar, nin un protocolo establecido para evitar contaxios, aglomeracións ou presencia masiva de corredores. “Restan menos dous meses para que se celebre a San Martiño e a día de hoxe só sabemos que será unha carreira completamente diferente a que coñecemos, pero na que polo momento non hai protocolos para evitar contaxios”, finalizan dende o Grupo Municipal Socialista