concellos INICIATIVAS

Os socialistas de Cartelle promoven a creación da figura do coidador/a no CEIP San Marcos

O PSDEG-PSOE DE CARTELLE PÍDELLE AO CONCELLO QUE ATENDA AS NECESIDADES DAS CRIANZAS DO CEIP SAN MARCOS COA CREACIÓN DUNHA PRAZA MUNICIPAL DE COIDADOR OU COIDADORA

Os socialistas afirman que os cativos e cativas de infantil, precisan nalgúns casos “coidados e que se os mude de roupa”, e denuncian que “teñan que ser os país os que acudan a escola a realizar esta tarefa”

O voceiro do PSdeG en Cartelle, Jesús Pereira, aclara que con esta figura “permitirase unha correcta conciliación para os país” e os nenos e nenas “estarán aínda mellor atendidos por unha figura cun traballo específico”

Cartelle, 26 de setembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Cartelle defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción na que insta ao concello a apoiar ás familias que inician o curso escolar con nenos e nenas na etapa infantil e que precisan atencións e coidados específicos. Ante a ausencia dunha figura laboral que se encargue das tarefas tradicionais de mudado de roupa ou cueiros, os socialistas avogan pola creación da figura do coidador ou coidadora e que correría a cargo do Concello. Un reforzo, que segundo apuntan “serviría para mellorar a atención diaria a cativada de Cartelle que está matriculada no CEIP San Marcos.

O curso xa comezou cunha das maiores preocupacións sociais da historia como é a pandemia orixinada polo coronavirus e o seu avance diario en contaxios na sociedade, e como estamos a ver nos últimos días, as escolas non son alleas a este virus. Ante esta situación, dende o Grupo Municipal Socialista consideran “primordial” que o Concello esté a carón das familias, apoiando e facilitando o retorno as aulas dos máis pequenos e que conten sempre con todas as atencións e coidados necesarios.

Na etapa de infantil nos colexios, os coidados deben ser asumidos polas familias no momento en que é preciso mudar de roupa a unha nena ou neno, debido a unha pequena lesión ou outros motivos de atención ou coidados persoais puntuais. Ante esta situación o voceiro socialista en Cartelle, Jesús Pereira Vázquez, considera que “non nos damos conta de que non apoiamos aos nenos e nenas no desenvolvemento da súa autonomía, nin ás familias nas súas responsabilidades laborais e en xeral non avanzamos cara unha conciliación efectiva”.

Pereira considera que na situación actual “hai que plantexar un debate social e político” co obxectivo de que a figura do coidador ou coidadora “sexa implantada nos centros para que o alumnado con cadros clínicos concretos, ou simplemente por corta idade, poida ter uns coidados idóneos”. O voceiro socialista tamén remarca que da mesma forma que se asume un servizo de acompañantes no transporte escolar aos centros, “toca traballar para asumir a tarefa política que posibilite o apoio das mestras e mestres de infantil e das familias e alumnado desta etapa”.

Os socialistas consideran que as administracións públicas deben concienciarse de que “as nenas e nenos de 3 ou en ocasións aínda con menos idade, veñen dos xardíns de infancia e fogares, onde se tiveron en conta as súas necesidades e estiveron cubertos os seus coidados, polo que na escola non pode ser menos”. Ante o baleiro legal existente neste asunto, o PSdeG de Cartelle defende a “necesidade de reaccionar de inmediato” e deste xeito, darlle a sociedade unha “resposta inmediata”. Afirman tamén que “non podemos perdernos en debates, burocracia ou formalismos” e subliñan que “é o momento de actuar”.

Para os socialistas a educación é un dos piares fundamentais da sociedade actual e tal e como remarca o seu voceiro en Cartelle, Jesús Pereira, “só a formación poderá axudar a erradicar, por exemplo, o caciquismo e a cultura dos favores, que en Cartelle, lamentablemente son de uso e costume”.