concellos Denuncias

Os socialistas de Ribadavia esixen unha reunión de urxencia da fundación do asilo

O PSDEG-PSOE DE RIBADAVIA, CONXUNTAMENTE CO RESTO DE GRUPOS DA OPOSICIÓN, PIDEN UNHA REUNIÓN DA FUNDACIÓN DO ASILO TRALAS ÚLTIMAS MANIFESTACIÓNS DO ALCALDE DA VILA

Os socialistas subliñan que a súa postura sempre foi a de “defender un padroado independente” e cunha fundación de carácter municipal e con dependencia do Concello de Ribadavia

Piden tamén explicacións sobre o anuncio de reforma do centro de saúde e esíxenlle o actual alcalde do PP que “pida desculpas públicas por culpar ao anterior goberno local de que este centro de saúde non se construíra, cando sempre houbo pegas por parte da Xunta”

Ribadavia, 29 de setembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Ribadavia ven de solicitar, conxuntamente co resto de grupos da oposición, unha reunión de carácter urxente da fundación do Asilo da vila, tralas últimas manifestacións públicas do alcalde do Partido Popular, César Fernández, en compaña do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Os socialistas consideran que o rexedor saltouse a norma establecida de que todas as informacións que saen do padroado, son transmitidas polo propio padroado a través do xerente e consideran que o alcalde da vila empregou “de xeito partidista” o padroado para facer os seus propios anuncios, que consideran “cheos de fume”.

Dende o Grupo Municipal Socialista acusan ao alcalde de “saltarse as normas” da fundación e critican a “utilización con fins políticos” dun padroado do que forman parte todos os grupos municipais e que constitúen dita xunta de goberno. Os socialistas consideran que estes anuncios están feitos de “xeito unilateral e sen debater as cuestións pertinentes no propio goberno do padroado”. Lémbranlle tamén o alcalde que “nós fomos prudentes en moitas cuestións” e apuntan a que o grupo de goberno municipal “tiña que ter tomado medidas antes, botándolle unha man a fundación, cousa que non se fixo e agora déixana caer”. Dende o PSdeG na vila do Avia tamén apuntan a que “non falamos doutro tipo de problemáticas que están acontecendo porque non o fixemos nin dende o goberno, nin tampouco o vamos facer dende a oposición” e pídenlle o Partido Popular “lealdade nunha cuestión que é ben común e que temos que defender conxuntamente por riba de calquera cuestión partidista”.

A gravidade da situación foi tal que esta mesma mañá, todos os grupos políticos da oposición, sen fisuras, pediron unha reunión urxente do padroado. Os socialistas acusan ao alcalde de “vender fume sobre cuestións que preocupan moito aos usuarios, familias e a Ribadavia en xeral, xa que se da a entender que se están debatendo cuestións que están lonxe da realidade do propio padroado”. A postura do PSOE de Ribadavia é que o padroado “ten que ser independente, cunha fundación de carácter local, pertencente ao concello e de titularidade municipal” e destacan que “acolleremos sempre os anuncios de calquera administración que queira facer aportacións para a ampliación ou a nova construción, pero sempre cunha fundación de carácter local”. Os socialistas tamén afirman que “estes anuncios o único que fan é preocupar a poboación, aos traballadores e as familias”.

Os socialistas pedirán tamén explicacións sobre os anuncios de reforma do centro de saúde

Outro dos temas candentes foi o “anuncio” do alcalde de Ribadavia e compaña de Feijóo para a reforma do centro de saúde. Os socialistas esgrimen que lles parece ben que se inclúa esta partida dentro do propio orzamento e subliñan que “ogallá sexa verdade porque destes anuncios levamos moitos”. Dende o PSdeG-PSOE na vila lembran que o alcalde o principio da lexislatura anunciou que un estudio técnico determinaría o futuro do novo ambulatorio. “Nós somos descoñecedores dese informe técnico e plantexaremos cal é o motivo de que non se constrúa o novo centro de saúde”.

O Grupo Municipal Socialista remarca que “á única culpable de que a día de hoxe non se construíra o novo centro de saúde é a Xunta” e lembran que foi o propio ente autonómico o que “meteu ao concello nese proxecto dicindo que o vello non cumpría a normativa existente”.

“Queremos que se aclare a cuestión da reforma do centro de saúde e que expliquen a decisión de non construír un novo”, explican os socialistas, que tamén apuntan a que o Concello deberá esixir “danos e prexuízos cando exista o devandito informe por telo embarco nun proxecto que eles mesmos pediron e no que se gastaron moitos recursos económicos mercando terreos, facendo viais e levando un tema administrativo urbanístico o que se lle dedicou moito traballo”. Os socialistas finalizan apuntando que “non ten ningunha respecto pola oposición e iso non o imos a permitir” e alegan que “un goberno en minoría non pode estar constantemente insultando aos grupos da oposición como o alcalde leva meses facendo”.