rural Xunta

O PSdeG reclama á Xunta apoio para o sector vitivinícola

GONZALO CABALLERO RECLAMA Á XUNTA QUE APOIE AO SECTOR VITIVINÍCOLA COMO “ELEMENTO CENTRAL DE DESENVOLVEMENTO DO MEDIO RURAL”

O secretario xeral esixe ao PP na Xunta “lealdade” cos concellos, aos que ten que dar fondos extra para facer fronte aos gastos derivados da covid e información sobre o número de contaxios e de rastrexadores

Castrelo de Miño/Melón (Ourense), 30 de setembro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe a comarca do Ribeiro para reclamar á Xunta que apoie ao sector vitivinícola como “elemento central de desenvolvemento do medio rural” de Galicia.

Así o dixo o líder dos socialistas galegos nun contexto no que a covid impediu, en moitos casos, comercializar os viños de anos anteriores, o que impediu xerar ingresos ao tempo que obrigou a incrementar os gastos de almacenaxe.

Á marxe das axudas ao sector, Gonzalo Caballero chamou a combater o deterioro da paisaxe e a visibilizar a riqueza natural e patrimonial da Galicia interior, nunha aposta polo enoturismo como “elemento tractor” para a xeración de riqueza e a fixación de poboación nos concellos do rural galego.

Neste senso, o máximo dirixente do PSdeG avogou a apostar polo enoturismo como unha vía máis para “abrir oportunidades” no medio rural.

A XUNTA FAI “ESCAPISMO”

En paralelo, o máximo dirixente do PSdeG aproveitou para replicar ás críticas do PP aos entes municipalistas, presididos en Galicia e en España por dous alcaldes socialistas galegos.

“Ao PP non lle gusta que os alcaldes demanden máis apoio para política social, máis fondos para os colexios, máis información…”, observou Gonzalo Caballero, dende o convencemento de que “o que non lle gusta ao PP é que a maioría dos galegos e das galegas teñan hoxe un alcalde ou alcaldesa socialista”.

Fronte a iso, Gonzalo Caballero deixou claro que no PSdeG “apoiamos aos alcaldes que defenden aos seus veciños e veciñas pedindo máis fondos fronte á covid, máis información sobre o número de contaxios e de rastrexadores…”.

“Que defenden aos seus veciños fronte a unha administración autonómica que fai escapismo das súas responsabilidades para botar as culpas aos alcaldes e alcaldesas ou ao goberno de España”, evidenciou, á vista de que a Xunta “non asumiu as súas responsabilidades no inicio do curso escolar, na xestión das residencias, no eido sanitario ou na protección dos autonómicos e os pequenos e medianos empresarios.

Ao fío disto, o secretario xeral do PSdeG reclamou “lealdade” ao PP co municipalismo e retou aos dirixentes deste partido en Galicia a “explicar que pasa en Ourense”. “Teñen que explicar a maior crise municipal de España”, remachou.