concellos Denuncias

Os socialistas denuncian o abandono do Parque dos Xardinillos


O PSDEG-PSOE DE RIBADAVIA DENUNCIA O “LAMENTABLE” ESTADO DE ABANDONO DO PARQUE DOS XARDINILLOS QUE SE ATOPA NUNHA SITUACIÓN DE DESLEIXO POLA INCAPACIDADE DO PP

Os socialistas acusan ao alcalde de facer caso omiso das queixas do grupo maioritario da oposición e de ignorar as peticións de pais, nais e maiores que están fartos de non poder empregar este parque

O voceiro do PSdeG na capital do Avia, Ignacio Gómez, afirma que “os veciños e veciñas son presos da incapacidade dun alcalde que non arranxa o parque” e pide “solucións de urxencia”

Ourense, 5 de outubro de 2020. O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia o “lamentable” estado de abandono no que se atopa o parque dos Xardinillos na vila, ante unha continua situación de desleixo por parte do grupo de goberno municipal do Partido Popular. Os socialistas afirman que dun tempo a esta parte, a situación, lonxe de mellorar, tornouse en facer caso omiso as denuncias do grupo maioritario da oposición. Dende fai dúas semanas, non só non se arranxaron as fochancas e losetas soltas, senón que tamén se deixou esmorecer a valla do perímetro do parque, que os socialistas explican que “está a punto de caer”.

Dende o Grupo Municipal Socialista tamén denuncian a situación do peche do campo de xogo das crianzas, que “está totalmente roto e moi perigoso, xa que hai esquinas nas que os nenos poden caer e sufrir feridas”. Ante esta situación, os socialistas denuncian o “desleixo” do PP que en lugar de arranxar a situación, pechou o campo de xogo e a cativada non pode xogar no mesmo. “Levamos días recibindo as queixas de pais e nais, veciños e persoas maiores que non poden empregar o parque ante o abandono e o estado do mesmo, no que se atopan conos e ata varias zonas pechadas por risco”, denuncia o voceiro socialista Ignacio Gómez.

Os socialistas lembran que baixo o seu mandato acondicionouse e déuselle vida a este parque e recibiron críticas orquestradas polo actual alcalde, César Fernández, quen se dedicou a “mentir e soltar continuas falacias sobre que se ía desfacer ou cortar as árbores, algo que en ningún momento sucedeu, ou que o campo de xogos non servía, cando está sempre cheo de rapaces”, sinala Gómez Pérez, que tamén apunta que o “tempo amosou o traballo do grupo socialista, que bota agora por terra o Partido Popular co seu desleixo e abandono e co silencio cómplice dos acólitos do alcalde da vila”.

O voceiro do PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia tamén que o parque “pasou de ser o máis coidado e usado da vila a ser nestes momentos o menos usado porque non se pode e ademais resulta perigoso para a veciñanza na situación na que se atopa”. Ignacio Gómez tamén lembra que o goberno municipal cos socialistas ao fronte “arranxou no seu momento o parque con vallas, tapou as fochancas, creou o campo de xogo e construíu uns baños públicos, tras moitos anos de reivindicacións, e só nos atopamos con ataques furibundos e con falacias do PP”.

Gómez tamén destaca que no seu momento o alcalde dedicábase a dicir que “coas vallas xa postas, só faltaban os presos”, cuestión ante a que o voceiro dos socialistas respóndelle afirmando que “os únicos presos que hai son os veciños e veciñas de Ribadavia, que son presos da incapacidade dun alcalde que non é capaz de arranxalo”. Os socialistas levan varias semanas denunciando a situación do Parque dos Xardinillos e piden “actuacións urxentes” no mesmo.