GOBERNO ESTATAL INFRAESTRUCTURAS

Renfe mellorará a conexión entre Ourense e Madrid

O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA QUE RENFE MELLORARÁ A CONEXIÓN ENTRE OURENSE E MADRID CUN NOVO SERVIZO ALVIA A PRIMEIRA HORA DA MAÑÁ

A entidade pública empresarial informou que está previsto que o novo Alvia esté en servizo trala posta en servizo do novo tramo da liña de alta velocidade entre Zamora e Pedralba

Comunicou tamén que as estacións de tren de Ribadavia, O Barco, A Rúa e O Carballiño contarán con asistencia persoal para familiarizar aos viaxeiros coa compra nas máquinas de autoventa

Madrid, 7 de outubro de 2020. O deputado, a deputada e o senador no Congreso e Senado, Adolfo Pérez Abellas, Uxía Tizón e Miguel Bautista, e o secretario provincial, Rafa Villarino, mantiveron hoxe un encontro co presidente de Renfe, Isaías Táboas, a fin de “impulsar e optimizar” os servizos ferroviarios da provincia de Ourense coas outras provincias galegas, así como as conexións de longa distancia cara o resto do Estado. Na reunión tamén estivo José Luis Cachafeiro, director xeral de operacións.

A operadora ferroviaria informou que, cando entre en servizo o novo tramo da liña de alta velocidade entre Zamora e Pedralba, Ourense contará cun novo servizo Alvia a primeira hora da mañá, que unirá a terceira cidade de Galicia directamente con Madrid, procedente de Pontevedra. Así mesmo, anunciou que as estacións de tren de Ribadavia, O Barco, A Rúa e O Carballiño contarán, temporalmente, con persoal de asistencia para a axudar na compra de billetes nas máquinas de autoventa.

Renfe tamén trasladou que o servizo Avant entre Ourense, Santiago e A Coruña conta, na actualidade, cunha das maiores taxas de reposición de servizos de todo o Estado, acadando un 86 % da oferta que existía con anterioridade ao estado de alarma, a pesar de que o aproveitamento neste momento é moi inferior á situación anterior á pandemia. Neste momento o aproveitamento medio de estos servizos é do 26 % fronte ao 43 % que tiña no mesmo periodo do ano anterior.

Os socialistas tamén celebran que Renfe expresase que “entende” o malestar que xenera o custe dos trens Avant en Ourense, en comparación a outros servizos similares que se prestan na comunidade. Neste sentido, a empresa pública sinalou que a fixación dos prezos non está entre as súas competencias ao tratarse de tarifas de trens da denominada “obrigación de servizo público”. Ante esta situación, acordouse que os deputados, deputadas e o senador ourensáns tratarán a homologación destas tarifas directamente co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

O PSdeG-PSOE valora “moi positivamente” o encontro posto que “atoparon receptividade” na dirección de Renfe para “atender unhas demandas e melloras lexítimas” que son necesarias para “poñer en práctica o necesario reequilibrio territorial que precisa Ourense”. O PSdeG-PSOE ourensán destaca, unha vez máis, “o total compromiso coa provincia”, apostando polo traballo, as reunións e a consecución de obxectivos, co fin de “darlle un pulo importante a Ourense e beneficiar a súa veciñanza”, defendendo “sempre a mesma postura desde o goberno ou desde a oposición”.