concellos Denuncias

As socialistas de Punxín denuncian o cobro de taxas por servizos que o concello non presta

O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN DENUNCIA QUE O CONCELLO COBRA TAXAS POR SERVIZOS QUE NON PRESTA PROVOCANDO UN DESFASE ENTRE O COBRADO A VECIÑANZA E O GASTO

As concelleiras socialistas afirman que hai un “desfalco” entre os cobros pola taxa do sumidoiro e o gasto deste mesmo servizo de máis de 20.000 euros no ano 2019

A voceira do PSdeG no municipio, Lorena Peleteiro, amosa a súa incredulidade e afirma que “esta non é máis cunha nova mostra da pésima xestión do goberno bipartito de PP e Ciudadanos”

Punxín, 6 de outubro de 2020. O PSdeG-PSOE de Punxín denuncia que o Concello cobra taxas por servizos que a día de hoxe non presta, provocando un desfase entre os cobros pola taxa do sumidoiro e o gasto deste mesmo servizo de máis de 20.000 euros no ano 2019. Ante esta situación, as concelleiras socialistas traballan na elaboración dunha moción para solicitarlle o consistorio que devolva á veciñanza os importes cobrados por un servizo que segundo afirman “non se prestou”.

Dende o Grupo Municipal Socialista indican que solicitaron un informe de legalidade relativo a este feito e que o grupo de goberno lle vén de denegar, polo que levarán este tema ó próximo pleno, xa que segundo indica a voceira socialista, Lorena Peleteiro, “nunha situación como a que nos atopamos, non podemos seguir afogando ós veciños e ás veciñas con taxas, e máis aínda por servizos que o Concello non presta”, o que para as socialistas constitúe unha clara irregularidade.

As concelleiras socialistas denuncian, unha vez máis, que a actuación do goberno municipal amosa “a falta total de transparencia que reina no Concello” e esíxenlle que cesen estas prácticas antidemocráticas e se lle facilite a información aos grupos da oposición. Unha situación que non é nova e que ven producíndose o longo do último ano e medio con diferentes temas municipais, nos que de xeito continuado se lles nega o acceso a información ou a informes legais por parte da secretaría municipal.

Para Peleteiro, esta “é unha nova mostra da pésima xestión do Goberno bipartito de Punxín, formado polo Partido Popular e Ciudadanos” e afirma que esta circunstancia “non só atentan contra o dereito á información da oposición, senón que o fan contra os petos dos veciños e veciñas do municipio, que están pagando taxas por un servizo que non reciben”, situación que considera “anormal” e indica que “debe pórselle solución a maior brevidade posible”.