Concello de Ourense INICIATIVAS

Urximos ao Concello a aprobación dunha nova ordenanza de veladores consensuada

O PSDEG-PSOE DE OURENSE URXE A APROBACIÓN DUNHA NOVA ORDENANZA DE VELADORES PARA O CONCELLO E SOLICITA UNHA COMISIÓN INTERDISCIPLINAR PARA A SÚA REDACCIÓN

Os socialistas entenden que é necesaria unha regulación transitoria ante a crise sanitaria que afecta directamente aos hosteleiros pero que debe abordarse de xeito respetuoso coa cidadanía

Os socialistas piden que se poña especial atención na regulación do Casco Vello, que se conte con tódolos grupos e axentes sociais  e que se teña en conta a acesibilidade, os ruidos e o problema do botellón

Ourense, 19 de outubro de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense urxe ao Concello a aprobación dunha nova ordenanza de veladores e terrazas que conte coa participación do tódolos grupos políticos e que se convoque unha comisión interdisciplinar que teña en conta outros factores como a ordenanza de ruidos ou a problemática do botellón. Os socialistas denuncian que a ordenanza vixente na actualidade atópase “completamente obsoleta” xa que data do ano 97 e sinalan que é “un dos motivos do descontrol existente” a este respecto na cidade. Critican que “durante máis dun ano de mandato” o actual goberno non foi quen de convocar sequera a comisión da ordenanza pese a que dende o grupo se requiría de “xeito insistente” e en “repetidas ocasións” á anterior concelleira de Comercio e, hoxe, díscola, María Dibuja. “Ata a pasada semana o goberno non pasou nin un borrador da mesma”, critican.

Marcan como obxectivo fundamental da ordenanza a “convivencia entre a utilización dos espazos públicos por parte de comerciantes e hostaleiros e o uso e desfrute por parte da cidadanía”, unha das liñas que se contemplaban no borrador da ordenanza que se redactou durante o anterior mandato progresista no ano 2014.

Ademáis, dende PSOE consideran fundamental que exista un “apartado específico de atención para a zona histórica”, tanto pola súa “singularidade”, como para evitar a “posible sobreexplotación hostaleira” e os “conflictos de convivencia” que poidan derivarse.

Por outra banda, tamén solicitan a “disposición momentánea” para abordar a redacción e aprobación da nova ordenanza á “maior brevidade posible” contando con todos os axentes sociais implicados para dar seguridade e regularizar a situación en Ourense dunha vez por todas.

Dende o grupo socialista levan anos resaltando a importancia de “aumentar o control da colocación de terrazas en parques e prazas da cidade”, co fin de dar resposta á problemática de máis de 450 locais que contan con licenza de veladores, en total algo máis de 1.000 terrazas; e “fixar unha serie de liñas fundamentais para evitar o abuso e descontrol actuais”, amparados ata agora por lagoas legais existentes na actual normativa e agravados pola crise sanitaria e o seu impacto económico no sector hostaleiro durante os últimos meses”, aseguran.

Os socialistas conclúen que, tanto a regulación de terrazas e veladores como a nova normativa de ruídos ou a regulación do fenómeno de botellón, están estreitamente vencelladas e requiren que se aborden conxuntamente de maneira técnica, co consenso de todos os grupos políticos e axentes sociais implicados. Do contrario, a solución pode ser errática e pode levar ao choque entre distintas normativas, co cal seguiremos sen dar resposta ás urxentes necesidades actuais da cidade.