GOBERNO ESTATAL INFRAESTRUCTURAS

Celebramos que o Goberno «cumpra» compromisos «históricos» en Ourense con máis trens e un novo tramo de alta velocidade

O PSDEG-PSOE CELEBRA QUE RENFE “CUMPRA INMEDIATAMENTE O COMPROMETIDO” AO POR EN SERVIZO UN NOVO ALVIA A MADRID e UN MEDIA DISTANCIA A VALDEORRAS E VIGO

O deputado, a deputada e o senador sinalan que os novos servizos e a apertura do tramo da liña de alta velocidade ata Pedralba supoñen importantes melloras e son unha mostra do compromiso do Goberno

“O goberno de Sánchez devolve a Ourense á senda do progreso” destacan, “fronte aos mandatos escuros de Rajoy, anos nos que as obras e as relacións ferroviarias foron tapiadas e paralizadas sine die

Ourense, 22 de outubro de 2020. O deputado, a deputada e o senador do PSdeG-PSOE de Ourense, Adolfo Pérez Abellás, Uxía Tizón e Miguel Bautista, celebran que Renfe “cumpra inmediatamente o prometido”, ao por en servizo un novo tren Alvia a Madrid e Pontevedra e un servizo de media distancia que unirá a terceira cidade de Galicia con Valdeorras, Ribadavia, Vigo e Ponferrada. Os parlamentarios ourensáns traballan tamén para impulsar un acordo co Mitma, que permita unha “homologación” das tarifas dos servizos Avant que teñen orixe ou destino na capital ourensá.

“Os novos servizos e posta en funcionamento do tramo da liña de alta velocidade (LAV) galega entre Zamora e Pedralba evidencian o sólido compromiso do Goberno central coa provincia e supoñen importantes melloras para os e as ourensáns”, sinalan. “É un avance histórico”, insisten. Logo da reunión coa dirección de Renfe hai dúas semanas, os e as socialistas destacan a “relevancia” de que a empresa pública “materialice de inmediato a acordado”, xa que son “servizos que permitirán darlle un importante pulo ás conexións internas dentro de Galicia e aos trens co resto de España”.

“O minucioso traballo que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) está a realizar nas obras durante os dous últimos anos, deixa a liña de alta velocidade ás portas da provincia”, recordan os parlamentarios antes de sinalar que “os traballos na provincia Ourense continúan a bo ritmo a pesar da situación de pandemia na que nos atopamos”, o que permitirá “concluír a nova liña ata Taboadela o próximo ano”. “Fronte ao fume que vendía o PP, os socialistas amosamos feitos”, advirten.

Ademais da apertura do tramo da LAV ata Pedralba (Zamora), o vindeiro martes 27 tamén entrarán en servizo un novo Alvia diario que unirá Ourense con Madrid e Pontevedra, así como novos servizos de media distancia (MD): un rexional exprés conectará a capital ourensá con Valdeorras, Ribadavia, Monforte, Vigo e Ponferrada, chegando a Ourense ás 08:57 horas procedente de Ponferrada e sairá de Ourense ás 16:45 horas procedente de Vigo. Desde o día 27 tamén haberá novos trens MD entre Ourense-Lugo (1 por sentido), Santiago-A Coruña (1 por sentido), Santiago-Vigo (1 por sentidoe un servizo Vigo-A Coruña que circulaba só de luns a venres pasa a ser diario.

“O PSOE sempre traballou con investimentos reais en Ourense e, unha vez mais, os feitos confirman este compromiso coa nosa provincia”, destacan o deputado, a deputada e o senador tras de recordar que “fronte aos mandatos escuros de Rajoy e do PP, anos nos que as obras e as relacións ferroviarias foron tapiadas con muros e paralizadas sine die”, o goberno de Sánchez “devolve a Ourense á senda do progreso”.