concellos Denuncias

Os socialistas de Cartelle denuncian o desleixo e abandono do PP co municipio

O PSDEG-PSOE DE CARTELLE DENUNCIA O “LAMENTABLE” ESTADO DE ABANDONO NO QUE SE ATOPAN DIFERENTES PUNTOS DO CONCELLO POR MOR DO “DESLEIXO E A DESIDIA” DO PP

Os socialistas dan conta do estado de abandono que presentan varias fontes no municipio, un campo de fútbol en Vilar de Vacas e numerosos paneis de sinalización, que se atopan tirados e sen colocar

O voceiro do PSdeG en Cartelle, Jesús Pereira, afirma que “a situación de abandono que vive o noso municipio non hai por onde collela” e esíxelle o grupo de goberno municipal “medidas urxentes” para pór fin ao abandono sistemático

Cartelle, 22 de outubro de 2020. O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia o “lamentable” estado de abandono no que se atopa o municipio ante o “desleixo e a desidia” continuada do grupo de goberno do Partido Popular, o que acusan de “dar as costas” á veciñanza e “ignorar” os problemas reais do concello e as súas xentes. Os socialistas dan conta a través de numerosas imaxes do estado de abandono que presentan numerosas fontes do municipio, un campo de fútbol en Vilar de Vacas e varios paneis de sinalización, que se atopan tirados, arrancados e sen colocar.

Dende o Grupo Municipal Socialista apunta a que esta situación de abandono “non é nova” e esíxenlle ao Concello que dea unha resposta “urxente” aos problemas de Cartelle. “A veciñanza está farta da situación que se vive neste concello e danos traslado cada día de novas imaxes de diferentes puntos que só amosan desleixo e abandono”, explica o voceiro dos socialistas, Jesús Pereira Vázquez, que tamén afirma “o que se vive en Cartelle, non hai por onde collelo, os veciños e as veciñas protestas e o alcalde fai caso omiso” e puntualiza, “parece que só se deciden a arranxar os problemas cando os socialistas denunciamos a situación ante os medios de comunicación, como aconteceu co vertedoiro ilegal ou co estado dunha estrada”.

A situación actual de abandono afecta a varias fontes municipais en Muntián, Cartelle ou Sande, que como se observa nas imaxes adxuntas, se atopan cheas de musgo, con maleza nos arredores, faltas de desbroces e sen limpar dende fai moito tempo. “A esto súmase o estado das mesmas, que co paso dos anos sofren perdas de auga, os valados quedaron obsoletos e en mal estado e a veciñanza ten moitas dificultades para acceder as mesmas”, explica Pereira Vázquez, que tamén afirma “as fontes precisan un lavado de cara completo e os veciños non deixan de demandalo”. Os socialistas tamén denuncian a situación do Roteiro do río Gato que segundo apuntan “a día de hoxe non se sabe se existe, dada a cantidade de maleza existente na zona e que se atopa nun estado lamentable, con todo roto, vello, e sen renovar durante anos”.

Para o voceiro socialista a situación “é indignante” e resúltalle “vergoñenta”. “Que imaxe imos dar como concello e como imos atraer visitantes ou novos habitantes se o único que ven e lixo, abandono e desleixo por todas partes?”, pregúntase Pereira, que tamén pide “medidas urxentes” para pór fin ao abandono sistemático aos que nos teñen sometidos Jaime Sousa e o seu grupo de goberno.

Os socialistas denuncian tamén a situación de abandono dun pequeno campo de fútbol municipal en Vilar de Vacas, onde as porterías están obsoletas, a maleza inunda o terreo de xogo e “isto impide que a cativada poida utilizalo con seguridade para xogar”. Unha situación a que se suman varios paneis de sinalización que “caeron ou foron arrancados”, explica Jesús Pereira, que aclara “o Concello leva meses sen arranxalos ou recolocalos, unha situación que nos preocupa, xa que se o goberno municipal non coida o patrimonio, quen o vai facer?”.

Campo de fútbol en Vilar de Vacas totalmente abandonado polo Concello de Cartelle.

Os socialistas tamén denuncian a “total falta de eficacia” nas labores de limpeza e afirman que o tractor municipal “dedícase a limpar sobre limpo, en lugar de acudir a outras zonas do municipio que requiren actuacións urxentes”. ÇPoñen como exemplo a pista en dirección Muntián dende a capital, as de acceso o río ou as de detrás da igrexa de Freixoso, das que afirman “non lle levan tocado nos últimos meses” e sinalan que “é por onde máis xente sae a camiñar”.