Concello de Ourense INFRAESTRUCTURAS

Denunciamos o desleixo de Feijóo e o caos de Jácome coa intermodal e esiximos informes sobre a “demolicion exprés”

O PSdeG-PSOE DENUNCIA QUE OURENSE SEGUE A SER A “ÚNICA CIDADE GALEGA QUE AÍNDA NON ABORDOU MELLORAS NO DESEÑO DA ESTACIÓN” POLO DESLEIXO DE FEIJÓO E O CAOS DE JÁCOME

O grupo municipal esixe informes que avalen a “demolición exprés” da actual terminal de autobuses sen estar rematada a nova deixando aos viaxeiros “abandonados á intemperie nunha marquesiña-pendello”

“De pendello a pendello parece ser o único lema da Xunta para a terceira cidade de Galicia”, denuncian tras preguntarse “que intereses ocultos agocha o goberno de Feijóo tras esta demolición exprés”

Ourense, 27 de outubro de 2020. O PSdeG-PSOE insiste en que Ourense segue a ser a “única cidade galega que aínda non abordou melloras de ningún tipo no deseño da estación intermodal”, a causa do desleixo de Feijoo e do caos de goberno de Jácome. Os socialistas expresan de novo o seu “rexeitamento ao proxecto” que está executando a Xunta, coa construcción dunha nova estación de autobuses na cidade que “hipotecará o futuro de Ourense”. Afirman que a obra “é un puzzle de pezas sen sentido” que non configura unha “infraestrutura global e moderna”. “Carece da intermodalidade necesaria, despois das modificacións realizadas polo goberno do PP no 2016”, insisten.

Os socialistas aseguran que a preocupación do presidente Feijóo é “endosar aos ourensáns como sexa” unha estación insuficiente que non convence a ninguén, anunciando simultaneamente unha demolición exprés da vella terminal a pesar de que a nova non está rematada, “abandonando aos usuarios e usuarias da actual estación nunha marquesina-pendello á intemperie durante moitos meses”. “De pendello a pendello parece ser o único lema da Xunta para a terceira cidade de Galicia”, denuncian antes de preguntarse “que intereses ocultos agocha o goberno de Feijóo tras esta demolición exprés que deixará a Ourense se estación”.

A crise de goberno que atravesa o Concello provoca que “Feijóo mire cara outro lado”, advirten, porque “agora non quere saber nada de Jácome”. “A causa deste caos de PP e DO, a comisión de seguimento das obras da chegada da alta velocidade a Ourense está paralizada desde hai medio ano”, como xa denunciaron desde o grupo municipal en reiteradas ocasións e, actualmente, “nin sequera está en vigor o convenio para a execución das obras”. “Ourense é a única cidade galega que aínda non se reuniu con todas as administracións públicas para planificar o financiamento definitivo das obras, estudar o cronograma de execución ou tratar melloras, co fin de acadar baixo consenso o mellor proxecto de estación”, denuncian.

O PSdeG-PSOE esixe informes técnicos e xurídicos que avalen a demolición exprés da terminal do Pino e explicacións públicas, tanto á Xunta de Galicia como ao Concello de Ourense, sobre o contrato de cesión dos terreos da antiga estación de autobuses cos propietarios dos terreos, incidindo en cuestións como o cambio do uso dotacional da parcela para poder levar a cabo a residencia de maiores impulsada pola Fundación Amancio Ortega. Tamén cuestionan se existen garantías xurídicas e legais para poder levar adiante a demolición do actual edificio sen rematar a obra do novo “pendello”.

Cualifican como un “despropósito de mal gusto” o anuncio desta demolición exprés, unha decisión que afonda no afán da Xunta de demoler canto antes a antiga estación coa única intención de “consolidar o seu pendello coma única alternativa posible”, rodeando prexudicialmente ao centro de saúde da Ponte.

Despilfarro de mal gusto

Por outra banda, os socialistas consideran “un despilfarro de mal gusto” a fonte ornamental anunciada pola consellería de Ethel Vázquez, co único fin de “adornar e disimular a chapuza” do goberno autonómico no barrio da Ponte. “É un dispendio de diñeiro público innecesario” e un “anuncio pouco entendible”, máis aínda na situación sanitaria, económica e social na que se atopa a cidadanía, onde as prioridades deben estar postas noutro foco e non en “parches para tapar chapuzas propias” que “para colmo do mal gusto pretenden comparar propagandísticamente con fontes milenarias que son símbolo de Ourense como as Burgas”.