POLÍTICA PROVINCIAL

Baltar, Caride e Ciudadanos votan en contra de garantir o dereito de acceso á vivenda

BALTAR, CIUDADANOS E CARIDE TOMBAN UNHA PROPOSTA PARA GARANTIR O DEREITO DE ACCESO A UNHA VIVENDA DIGNA E UN PARQUE PÚBLICO DE ALUGUER

Villarino destacou “o desleixo continuado da dereita” coas políticas públicas de vivenda e as “campañas do medo” que só buscan crear falsas alarmas ante o voto en contra de PP, Cs e o non adscrito Caride

Ourense, 30 de outubro de 2020. O PSdeG impulsou unha moción no pleno ordinario do mes de outubro para garantir o dereito de acceso a unha vivenda digna e un parque público de aluguer que evite a especulación que se produce no mercado na provincial. O texto foi rexeitado cos votos de PP, Ciudadanos e o deputado non adscrito, Miguel Caride. PSOE, BNG e Democracia Ourensana votaron a favor.

A moción evidenciaba “o desleixo continuado da dereita” coas políticas públicas nesta materia e ao seu “estreito abrazo á especulación”, polo que instaba á Xunta a “impulsar políticas que garantan o acceso da cidadanía a unha vivenda digna, combatendo especialmente o uso da vivenda como un ben especulativo”. Tamén reclamaba o “impulso prioritario do parque público de aluguer”; a “mobilización do gran parque de vivenda desocupada”; e “unha xestión máis eficiente, implantando modelos que se adecúen ás necesidades da poboación”.

O voceiro, Rafa Villarino, explicou “o desleixo continuado da dereita” coas políticas públicas nesta materia e as “campañas do medo” que só buscan crear falsas alarmas, posto que os datos “non avalan a alarma que pretenden crear”. “Só cando goberna o PSOE existe unha verdadeira política pública de vivenda”, insistiu tras esixir ao PP que “ou goberne ou deixe gobernar, pero fagan algo útil para a xente que representan”. “É preciso desenvolver medidas potentes sen demora” para “garantir ese dereito”, insistiu.

Villarino durante o debate da proposta do PSdeG

“Os motivos que explican o incremento durante os anos de goberno do PP son a falta de políticas públicas en materia de vivenda e o recorte de medidas sociais que axuden a familias en risco de exclusión social”, advertiu Villarino antes de preguntar aos grupos que votaron en contra –PP, Ciudadanos e o deputado non adscrito Caride– como van a explicar á veciñanza de Ourense que tomban unha iniciativa en favor de mellorar o acceso á vivenda, sendo unha das súas principais preocupacións.