GOBERNO ESTATAL SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

Uns orzamentos de carácter social e que impulsan demandas históricas

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DESTACA O CARÁCTER “SOCIAL” DOS ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO E A APOSTA POLA VARIANTE EXTERIOR DO AVE TRAS ANOS DE “PARÁLISE E DESLEIXO” DO PP

A deputada, o deputado, o senador e o secretario provincial sinalaron tamén a débeda histórica que cumpre o Goberno co interior de Galicia coas obras de mellora da liña ferroviaria entre Ourense e Lugo

Os socialistas apuntan que se trata duns orzamentos “para que ninguén quede atrás” e afirman que o compromiso do Goberno “é total coa provincia tanto nas infraestruturas como coas persoas”

Ourense, 31 de outubro de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense compareceu esta mañá en rolda de prensa para falar dos Orzamentos Xerais do Estado para 2021 e no que destacan o carácter “social” dos mesmos buscando que “ninguén quede atrás” e apostando de “xeito firme e decidido” pola veciñanza da provincia cun incremento no gasto social, convertendo estes orzamentos nos máis sociais da historia. Os socialistas tamén destacaron a aposta do Goberno pola variante exterior do AVE, paralizada dende o ano 2012 polo Partido Popular, sendo por aquel entón ministra, a galega Ana Pastor. O deputado, Adolfo Pérez Abellás; a deputada, Uxía Tizón; o senador, Miguel Bautista; e o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino degrañaron polo miúdo os investimentos do Estado na provincia de Ourense.

Uns orzamentos no que en materia de infraestruturas destaca o investimento na variante exterior de Ourense, para a que o Goberno destina 29 millóns de euros, dos cales 3 se dedicarán a estación intermodal da cidade. “Trátase dunha variante que permitirá liberar terreos na cidade, impedindo a división e son os últimos 17 quilómetros da liña troncal de alta velocidade entre Madrid e Galicia”, destacou a deputada, Uxía Tizón, que tamén subliñou “o compromiso do Goberno con Ourense cun proxecto que Ana Pastor paralizou en 2012”. Variante que no desglose por anos percibirá 60 millóns de euros en 2022, 75 en 2023 e 140 en 2024, que se suman os 29 para 2021.

A deputada ourensá tamén quixo facer fincapé no investimento na liña ferroviaria entre Ourense e Lugo para a que Adif consigna un total de 84,6 millóns de euros para melloras viais, de seguridade e renovación. 16 millóns de euros repercutirán directamente en 2021 na provincia de Ourense, dos cales 12,7 millóns se dedicarán a actuación de renovación e 3,3 millóns para electrificación. ”Trátase dunha obra histórica tras anos de desleixo as liñas ferroviarias do interior de Galicia e que é clave para as mercancías e a futura conexión de AVE con Lugo”, relatou Tizón. Dentro das partidas en materia ferroviaria tamén destacan os 3,1 millóns para a renovación da liña de conexión a León; 2,2 millóns no tramo Monforte-Cobas; 11, 6 millóns na liña Vigo-Redondela-Ourense; 2,3 millóns que Renfe dedica a realización de melloras de seguridade ou circulación en liñas da provincia ou a continuación da fase de planificación da nova liña Ourense-Vigo, por Cerdedo.

No relativo a investimentos en estradas, os Orzamentos Xerais do Estado de 2021 destinan 32,8 millóns de euros en investimentos, incluíndo as previsións do mecanismo de recuperación e resiliencia. Os investimentos que se contemplan nos programas en creación de infraestruturas son de 23,5 millóns e en conservación e explotación de estradas 9 millóns. O senador do PSdeG-PSOE de Ourense, Miguel Bautista Carballo, fixo fincapé nos 22,9 millóns destinados para continuar a conexión na N-120 e N-536, na localidade de O Barco e coñecida como circunvalación do Barco, da que afirmou que “permitirá desconxestionar o tráfico na vila, mellorar as conexións e sacar o tráfico pesado do casco urbano, algo que levabamos anos demandando e que foi impulsado por un goberno socialista”.

Outras das actuacións que se contemplan en materia de estradas son a licitación e adxudicación das obras da autovía A-56 no seu tramo da Variante Norte de Ourense cunha consigna de 250.000 euros. Outros 200.000 euros destinados a proseguir a redacción de proxectos dos tramos Requejo-A Veiga de Cascallá e a A Veiga de Cascallá-O Barco da autovía A-76 ou que se avanza na redacción dos tramos pendentes da autovía A-56 Lugo-Ourense para a que se destinan 400.000 euros. O senador puxo tamén o foco no museo arqueolóxico de Ourense no que o Goberno inviste 4,7 millóns de euros para rematar “unha obra clave na cidade e pola que os socialistas levamos loitando moitos anos e que por fin será unha realidade”, destacou Bautista.

Uns orzamentos que presentan o maior investimento en gasto social da historia, consolidando o Ingreso Mínimo Vital, blindando o sistema de pensións, garantindo aos maiores uns recursos dignos e suficientes a través da revalorización das pensións. “Increméntanse as axudas aos máis desfavorecidos para loitar pola igualdade de oportunidades laborais, educativas e de acceso a unha vivenda digna”, destacou o secretario provincial Rafael Rodríguez Villarino, a vez que apuntou que “se incrementan as partidas destinadas ao sistema de atención á dependencia e a prestación de servizos sociais”.

Nesta parte social, revalorízanse as pensións, o que beneficiará a máis de 108.000 ourensáns. As pensións contributivas increméntanse un 0.9% e as non contributivas fano nun 1,8%. Os beneficiarios ourensáns da prestación por nacemento e coidado recibirán en 2021 máis de 124 millóns de euros. Tamén se incrementa a dependencia que beneficiará a Galicia cun aumento de 600 millóns de euros para alcanzar os 2354 millóns en 2021. Incrementos que tamén chegan nas becas, con 119 millóns máis para a nosa comunidade. Outro dos puntos destacados polos socialistas é que se acada a igualdade real entre homes e mulleres co incremento do permiso de paternidade de 12 a 16 semanas, equiparándose así co de maternidade. Villarino tamén subliñou que “dende a chegada ao Goberno dixemos que vamos a loitar decididamente para erradicar a violencia de xénero, que algúns partidos da dereita se empeñan en negar”. Con este motivo incrementáronse os fondos destinados aos concellos na loita contra a violencia de xénero e no caso de Galicia supón un investimento de 7 millóns de euros e beneficiará a 6.400 mulleres.

Pola súa banda, o deputado Adolfo Pérez Abellás, fixo referencia a que se trata duns orzamentos “cunha consigna clara que é que ninguén quede atrás e que compromete importantes infraestruturas na provincia. O representante socialista no Congreso destacou as cifras xerais para a provincia de Ourense, que ten asignado en canto a gasto total unha cantidade de 110,78 millóns de euros e no tocante a investimento real, 106,41 millóns de euros. A provincia de Ourense ocupa a posición número 8 no ránking pro provincia en canto ao investimento real do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana por PIB, cunha cantidade de 16,52 euros por cada 1000 euros de PIB na provincia. Respecto aos orzamentos aprobados en 2018 e prorrogados en 2020, o investimento real no sector de estradas da provincia de Ourense incrementouse un 77,8% pasando dos 18,98 millóns aos 32,81 no proxecto de PGE 2021. No relativo a materia ferroviaria a cantidade de investimentos ronda os 73,60 millóns de euros.