Deputación de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

PP, Montse Lama e Miguel Caride bloquean cambiar a xestión caciquil que está a aniquilar Manzaneda

PP, CIUDADANOS E MIGUEL CARIDE QUEREN PERPETUAR A XESTIÓN CACIQUIL E  ESCURANTISTA QUE ESTÁ A ANIQUILAR A ESTACIÓN DE MONTAÑA DE MANZANEDA

Aurentino Alonso denunciou que “ou deixan de usar a instalación como un chiringuito e profesionalizan a súa xestión ou morrerá por inanición” e reclamou a volta ao consello de administración de Trives e Manzaneda

Ourense, 30 de outubro de 2020. O PSdeG-PSOE impulsou unha moción no pleno ordinario do mes de outubro para que a Deputación de Ourense deixe de xestionar “caciquilmente” a estación de Manzaneda que, segundo os socialistas, nos últimos anos, o PP está a “manexar como un chiringuito e xoguete da familia Baltar”. A proposta recibiu os votos a favor de PSOE, BNG e DO, e os votos en contra de PP, Cs e o deputado non adscrito, Miguel Caride, que prefiren manter a pésima situación da única estación de montaña de Galicia.

A iniciativa instaba aos gobernos provincial e autonómico ao “cese da actual xestión escurantista”, para que “comecen a aplicar un modelo público, transparente e coa esixencia de que, quen estea á fronte, conte con experiencia e solvencia acreditada”. Tamén reclamaba á Xunta “nomear como membros do consello de administración de Meisa ao alcalde de Manzaneda e á alcaldesa da de Trives, para garantir a representatividade dos territorios e a transparencia na xestión”. Igualmente solicitaba á Deputación a que proceda “a concluír as obras de remodelación na estrada de acceso sen dilación”.

“Cando non conviña, durante o goberno bipartito da Xunta, a Deputación abandonou este barco”, recordou o deputado, Aurentino Alonso, en alusión á saída da Deputación do accionariado. “Os alcaldes de Trives e Manzaneda foron apartados dun xeito arbitrario”, denunciou logo de destacar como outros municipios de Granada ou Aragón si están nos consellos de administracións de estacións de montaña. “Non damos feito algo serio e que funcione”, advertiu tras sinalar como se denega aos socialistas, desde 2018, acceso a informes e documentos sobre Manzaneda, a pesar dos grandes investimentos públicos.

Aurentino Alonso no pleno

Alonso preguntouse se “hai plan de viabilidade” porque “non só é cuestión de investimentos” e “non se albisca ningún plan de futuro a pesar de que a competencia é moi grande na contorna”. “Ou deixan de usar a instalación como un chiringuito e profesionalizan a súa xestión ou morrerá por inanición”, declarou. Para o PSOE “o desleixo que Xunta e Deputación amosan coa dinamización da estación e as comarcas nas que se sitúa é recorrente desde hai lustros” cunha “xestión escurantista salpicada de problemas e irregularidades, especialmente desde que acordaron deixar fóra do consello de administración a Trives e Manzaneda”.